Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Veciñ@s polo mundo: "A Xunqueira e o Nadal pasámolos sempre na casa"

Veciñ@s polo mundo: "A Xunqueira e o Nadal pasámolos sempre na casa"
Marcos Vazquez de Brens a Manchester Marcos Vázquez, de Brens a Manchester E de país en país seguimos percorrendo mundo para coñecer a realidade, en primeira persoa, da diáspora costeira. Hoxe imos de Brens a Manchester, para ver como vive de Marcos Vázquez.  
  • QPC: Como te chamas? De onde es?
Chámome Marcos Vázquez e son de Brens, en Cee.
  • QPC: Onde vives agora?
Agora estou vivindo en Mánchester, no Reino Unido.
  • QPC: Por que motivo te trasladaches aí?
Os motivos foron varios, pero todos relacionados entre si. A miña parella conseguira para o curso 2011/12 unha bolsa para dar clase nun par de institutos desta cidade, e eu daquela estaba a facer o doutorado na Universidade da Coruña. Solicitara por ese motivo unha bolsa para facer unha estadía predoutoral de 3 meses nunha das universidades que hai aquí (concretamente na Manchester Metropolitan University), e finalmente fixera eses 3 meses de investigación. Unha vez rematada a bolsa e en vista da situación que había en Galicia ambos decidimos probar sorte e intentar atopar traballo en Mánchester, e aquí seguimos.
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches?
Xa máis de 4 anos. Foi o 10 de febreiro do ano 2012. Santiago – Madrid – Mánchester. Creo que un nunca se esquece o día que marcha. Non sabes cando vas regresar, pero do día que te fuches acórdaste máis dunha vez...
  • QPC: En que traballas?
Traballo actualmente nunha planta de tratamento de residuos, coma químico (enxeñeiro de proceso, en concreto). Cando nos deixan, tentamos levar o control por unha banda dos dixestores anaerobios para producir biogás, así como dunha planta de compostaxe que “intenta” producir compost (abono), incluíndo tamén os correspondentes sistemas de depuración de auga e aire.
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte?
Bótase de menos todo. E cando estás fóra máis aínda. De sobra está dicir a familia e os amigos, e tamén o mar... Eses temporais nos que o mar está picado, precioso coas ondas batendo na costa. Tamén os ríos. E non é precisamente por falta de auga, que en Mánchester chove, e moito.
  • QPC: Tes morriña?
Teño morriña todos os días. E non só da terra ou da casa. De cousas que aí non valoraba tanto, e é que cando non faltan un non se da conta do importante que son. Os pequenos detalles que parecen “insignificantes” e que verdadeiramente son os que che fan feliz. E aquí estase ben, pero ir tomar algo cos amigos, dar un paseo polo pobo onde te criaches, falar cos veciños, ver animais, escoitar falar galego a maior parte do tempo, a choiva e o vento (que nin molla nin soa igual ao que hai aquí), o mar, o monte, as sardiñas e o pan de millo,... Ao final todas esas cousas lémbranche, para ben e para mal, que estás fóra da casa. E digo para ben porque ao faltarche todo iso sabes que alí de onde vés é un sitio moi especial, porque tes cousas que nunca poderás atopar en ningún recuncho do mundo.
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
Claro que me manteño! A través da prensa dixital principalmente. Grazas a QPC por exemplo, sigo o día a día do que pasa no meu concello e en toda a Costa da Morte en xeral. E a través dos amigos e da familia tamén, claro. Ás veces, aínda que é menos habitual, tamén escoito a radio mediante as aplicacións móbiles, e tamén son seguidor de páxinas nas redes sociais que informan sobre o día a día na miña terra.
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Tentamos viaxar un mínimo de dúas veces ao ano. A Xunqueira (que ademais é cando fago anos) e o Nadal son sempre na casa (polo menos de momento, e espero que así siga sendo). E se é posible, ás veces vamos outra vez máis no ano por exemplo na Pascua ou cando son as festas de Brens.  
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra?
Creo que son bastante bo! Sen ir máis lonxe creo que debuxei máis mapas da península nos últimos 3 anos que nos anteriores 30 para situar a nosa terra! A verdade é que sempre teño os minutos que fagan falta para explicarlles a esta xente de onde son e como é o sitio do que veño. Galicia non é un destino dos máis populares entre os ingleses, pero no meu traballo todos saben xa onde queda. E saben tamén que temos un idioma propio que se chama galego, e que na nosa terra non matamos aos touros nas prazas (senón que coidamos do gando), e que aquí non hai 40 ºC no verán, e que chove (e moito) e está todo moi verde. E aínda que sexa tópico, fálolles do marisco e do polbo, e do noso peixe, e tamén desa maldita costume que temos os galegos de emigrar.
  • QPC: Canta xente tes traído de aí a visitar a Costa?
Persoalmente non levei a ninguén, pero do meu traballo varias persoas visitaron Galicia recentemente, e como non podía ser doutra forma fíxenlles unha guía do que podían visitar, incluíndo a Costa por suposto. Cando lles amoso fotos da Fervenza do Ézaro sempre din que aí queren ir... Pero tamén Fisterra, o Monte Pindo, Touriñán, o Instituto Fernando Blanco, etc. Iso si, soen ser “veteranos” os que mostran interese pola nosa zona. A xente moza inglesa é moi difícil de sacala da súa rutina de festa e praia no sur da península e sinceramente creo que mellor así!
  • QPC: A canta lle tes falado dos nosos recunchos?
A todo o mundo! Que mostre interese claro! Resúltalles curioso o do nome da Costa da Morte, pero cun par de fotos dos temporais entenden facilmente o porque. Faleilles do Prestige a varios, así como do Casón. E cando ven fotos de todo o que temos, dos nosos recunchos, sempre me preguntan o mesmo: Pero ti que fas aquí? Eles mesmos xa se da conta que non hai punto de comparación!
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa da Morte?
Esta é unha cidade bastante grande. E polo tanto aí temos as diferencias que iso conleva. Por exemplo no transporte público a diferencia é abismal. Tamén na multiculturalidade, apenas a 20 minutos andando do noso piso temos a famosa Curry Mile, onde te sumerxes de cheo nunha rúa árabe, con restaurantes, xoierías, supermercados ou bares de países como Afganistán, India, Turquía, etc. Pero en calquera recuncho hai xente de países dos que non sei moi ben nin como se pronuncia o seu nome!
  • QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Traería sen lugar a dúbidas as fontes! Aquí non hai, e falo das de beber auga eh! Eu é que sempre fun moi bebedoriño... Fontes desas que temos por centos en Galicia! Pois non será polo que chove, que aquí tamén lle chega, pero aínda non vin nin a primeira, nin na cidade nin nos pobos! E tamén traería o licor café, que aquí mira que son de beber, pero non teñen licor café nos bares! Igual unha fonte que botara licor café non era mala idea! Hahaha! E levaría para aí os supermercados árabes onde paso horas buscando cousas que nunca imaxinei que ía probar; olivas de Palestina, sal do Himalaia envasado en Paquistán, os doces que teñen na India, etc. E creo que tamén levaría o seu xeito de xestionar as autoestradas! Aquí apenas hai peaxes, e ademais o estado no que están as vías soe ser moi bo! A verdade é que ás veces un ata bota de menos ir pola AP-9, ou de Cee á Coruña, e que che “atraquen” por facer unhas ducias de km!
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?
Será por anécdotas e cousas curiosas! Cóntovos algunhas, que senón isto faise moi longo! Fai un par de anos un día de moito vento caéranos riba do edificio onde vivimos unha árbore enorme que había de lado, coa mala sorte que foi dar xusto riba do noso piso! Vaia susto levara ese día, eu pensaba que era un terremoto. O teito da habitación rompeu, e aí comezou a odisea! A verdade é que de noite as vistas eran moi bonitas, con todas as estrelas no firmamento... Pero evidentemente non era habitable. Isto fóra un sábado, e ata o mércores non viñeran retirar a árbore! Deixáronnos temporalmente outro piso no mesmo edificio, e ao final tardaron en reparar (e bastante mal) o teito 4 meses! E no piso onde estiveramos mentres non reparaban o noso entraran a roubar, e para a nosa sorpresa o único que levaron fora unha botella de viño! Despois de estar 4 anos aquí xa non me estraña tanto a verdade, o da eficacia neste país é un mito! Aquí é moi habitual á hora de firmar un contrato indicar cal é a túa raza, distinguen entre brancos ingleses, brancos irlandeses, outros, etc. Pareceume tan surrealista cando o vin por primeira vez que non se me ocorreu mellor cousa que escribir “celta galego”, e así consta no meu contrato! Resúltame moi curioso, e anecdótico tamén, comprobar como nos supermercados árabes que mencionei podes atopar polbo de Camariñas! A primeira vez que o vin chorei da emoción! A globalización ás veces ten cousas boas!
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis?
A miña parella é de Muxía, e hai varias persoas máis da zona... Pero o certo é que a comunidade costeira por aquí non é moi grande.
  • QPC: Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Pois claro! Sempre que podemos, principalmente nas fins de semana. Porque sinceramente un xa está canso de escoitar in*/=glés toda a semana! E por iso sempre se agradece desconectar da rutina. A verdade é que somos un grupo de galegos medianamente numeroso por estes lares, e xuntámonos de cando en vez para tomar algo, para xantar ou cear, para falar ou para facer algunha excursión. O certo é que somos como unha familia grande, e a todo isto contamos cunha páxina de Facebook que se chama Galegos en Mánchester onde tentamos axudar e botarlle unha man a todo aquel que o precise. E ultimamente estamos dándolle voltas á idea de formar unha asociación galega aquí, que esperemos vaia para adiante!
  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?
Que fácil é contestar á primeira pregunta, e que difícil á segunda. Claro que si, volverei tan pronto poida. A verdade é que aquí non se está mal e iso asústame un pouco, pois non quero nin sequera pensar que vou estar aquí moitos anos (e xa van máis de catro!). Espero que non pasen outros tantos para que poida atopar a oportunidade de volver ao lugar do que nunca pensei que tería que marchar.  

Veciñ@s polo mundo

Estes son algúns dos amig@s que xa temos visitado polo mundo. Se queres contarnos a túa historia ponte en contacto en [email protected].

Fonte

 

Comentarios