Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Veciñ@s polo mundo: “Voltarei para a Costa cando me chegue o día da xubilación”

Veciñ@s polo mundo: “Voltarei para a Costa cando me chegue o día da xubilación”
Jorge Otero Lema un xalleiro na estacion de si de Gstaad das Diablerettes 3000 Jorge Otero Lema, un xalleiro de Duiza na estación de ski de Gstaad das Diablerettes

Na nosa viaxe pola 6ª comarca da Costa da Morte, a diáspora, toca unha das paradas máis clasicas, e pola que xa temos parado. Pero é que en Suiza hai moitos costeiros “de dios”

Hoxe temos unha interesante conversa cun xalleiro nado en Suiza. Moi, pero que moi interesante a súa reflexión sobre o seu futuro aquí ou alí. E atentos á anécdota que nos conta, boa proba do pequeno que é o mundo, e de que costeiros hainos por todas partes!

 
  • QPC: Como te chamas?

Jorge Otero Lema.

 
  • QPC: De onde es?

Son de Santa Comba, a pesar de que nacín e estiven ata case os 8 anos en Suiza.

 
  • QPC: Onde vives agora?

Vivo nun pobo o lado de Lausanne (Suiza) chámase Cheseaux-sur-Lausanne.

 
  • QPC: Por que motivos te trasladaches aí?

-Pois foi por diversos motivos, podo contarvos algún. Nacín aquí e sempre me gustou como país. E, bueno, tamén despois de traballar durante moito tempo en Galicia e ver como o soldo baixaba a causa dos recortes por mor da crisis, decidín deixalo todo aí e vir probar sorte aquí, o país no que nacín e tanto axudou a moita xente de aí a ter unha oportunidade para traballar e axudar aos seus. Na vida se non corremos riscos non temos nada.

 
  • QPC: Canto tempo fai que te mudaches para aí?

Volvín no 2012.

 
  • QPC: En que traballas?

Traballo nunha empresa bastante grande, do sector da electricidade, de liñas de alta, media e baixa tensión, con varios departamentos. Eu concretamente fago montaxe de liñas para os trens. A verdade que é un traballo con risco, pero gústame moito, xa levo case 4 anos na empresa e teño xa o meu cargo, estou recoñecido e estou moi a gusto.

 
  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?

O que máis boto de menos é o mar, esas paisaxes costeiras, esas mariscadas que podes comer cunha vista o mar.
E morriña… claro, pódese dicir que en parte si, boto de menos os amigos que teño aí.

 
  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?

Si, todos os días, a través da Voz de Galicia, e como non, grazas a vós.

 
  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?

Pois unha, no mes de decembro paso 4 semanas na Costa. Un ano dóuseme a casualidade de ter ido dúas veces no ano, pero se non en xeral, só vou polo Nadal. En Semana Santa e mesmo no verán collo dúas semanas pero gústame ir ver outros recunchos do planeta.

 
  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Tes traído xente visitala Costa da Morte? A canta lle tes falado dos nosos recunchos?

Bueno, penso que son bo embaixador, nunca levei a ninguén, pero téñolles ensinado a moitas imaxes da Costa da Morte e falado moito dela.

 
  • QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa?

A máis grande é que aquí non chove nin a metade do que chove aí! Jajaja. Pero tamen as costumes e a evolución tamén son moi diferentes.

 
  • QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?

Para a Costa levaría a neve e mesmo este clima, non hai tanta humidade como aí. E tamén un pouco da mentalidade de aquí.
Despois para aquí traería… o mar! E algo de esa gastronomía tan boa que por moito que a fagamos aquí non sabe igual. Por exemplo, os días de feira ir comer esa tapa de pulpo que está tan boa…

 
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?

Si, como non. Un día estaba traballando co equipo que tiña, e á primeira hora da tarde chámame o xefe para dicirme que ao día seguinte me mandaba un home para ver como traballaba e si valía para a empresa. E bueno, eu díxenlle que sen problema lle facía a proba. Ao día seguinte chego para traballar, e resulta que o home que viña facela proba é xalleiro tamén, e mesmo xogáramos xuntos no Xallas no equipo dos xuvenís. O mundo ás veces faise pequeno.

 
  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?

Si, atopei bastantes. A verdade que é impresionante a cantidade de galegos e costeiros que atopei viaxando (polo traballo) por este pequeno país.

 
  • QPC: Volverás a túa terra? Cando?

A terra galega é fermosa, sei que parte de min é desa terra, dado que aí pasei 15 anos. Como terra encántame, teño familia e amigos aí. Per voltar, non podo dicir un sí, dado que aquí estou moi ben e vaime moi ben, teño unha calidade de vida que aí non tería, e moitas cousas máis. Pero tampouco digo que non, porque a vida dá moitas voltas e nunca se sabe. Só podo dicir que na cabeza teño pensado voltar para aí cando me chegue o día da xubilación, se chega ese día claro, jajaja…

E xa que as preguntas finalizaron, gustaríame aproveitar para mandar saúdos á miña xente, eses amigos que teño aí, ao pobo de Santa Comba e á Terra do Xallas en xeral. Dar as grazas tamén a Que pasa na Costa, por manter aos que están fora ao día co que pasa na Costa da Morte. E sobre todo a cada persoa da Costa da Morte que fai o necesario para que esas paisaxes se manteñan màis fermosas que nunca.
Un saúdo dende Suiza.

 

Veciñ@s polo mundo

Fonte

Comentarios