Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Veciños e veciñas de Vimianzo contan as súas experiencias como emigrantes

Veciños e veciñas de Vimianzo contan as súas experiencias como emigrantes
testemunas-emigracion-congreso-vimianzo Durante a segunda xornada do congreso falaron as testemuñas da emigración  A segunda xornada do congreso internacional “Emigración e inmigración por razóns laborais no rural da Unión Europea” consiguiu poñer a flor de pel os sentimentos dunha boa parte das case cen persoas - distintos países - que estes días asisten a este evento que se desenvolve na casa da Cultura de Vimianzo. A xornada comezou cun panel expositivo no que representantes de distintas organizacións falaron sobre o papel que teñen as asociacións e ONGs representadas en relación coa migración. Na mesa "A acción da sociedade diante da migración" participaron Noelia Quintáns - técnica social da Cruz Vermella -; María Vieites Calo - secretaria xeral da asociación de Emigrantes Retornados Costa da Morte -, Isabel Muñoz - directora e asesora xurídica do Centro de Información á Muller de Muxía -; e Sandra García Sánchez de Bustamante - coordinadora da área de Emprego e Formación de Ecos do Sur -.  
Os seguintes en subirse ao escenario da casa da Cultura de Vimianzo foron os propios veciños e veciñas para contar as súas experiencias como emigrantes. Experiencias duras e cargadas de sentimentalismo. Así Paquita Antelo, Caridad Alvela, Margarita Antelo e Ricardo Pérez falaron dos motivos que os levaron a coller as maletas e dos duros (e dos bos) momentos que viviron durante época de emigrantes. congreso-vimianzo Lorena Martínez - de QPC - presentou o relatorio impartido por Montserrat Golías sobre a emigración galega a Cuba e Arxentina Xa pola tarde, a xornada continuou cun relatorio sobre as emigracións galegas a Arxentina e a Cuba impartido por Montserrat Gulías Pérez - doutora en Socioloxía e mestra na Univeridade da Coruña -. Monserrat fixo un repaso dos factores, que non sempre foron só os económicos - polos cales millóns de galegos e galegas emigraron a países como Cuba ou Arxentina. Da presentación deste relatorio encargouse unha servidora - Lorena Martínez - aproveitando a ocasión para contar a experiencia que ten QPC coa diáspora e dando a coñecer como naceu a nosa sección "Veciñ@s polo mundo". A tarde continuou coa presentacións das comunicacións por parte dos asistentes e que se dividiron en tres mesas diferentes. Na primeira abordouse a "Emigración galega. Viaxes de ida de volta", na segunda falouse da "Inmigración en Galicia: Desafíos pola integración social" e a última tratouse sobre a "Economía global e movementos migratorios: retos pola Europa Rural". A última hora da tarde, os participantes no congreso - principalmente os representantes das delegacións internacionais presentes - aproveitaron o solpor para percorrer distintos puntos das terras de Soneira. Última xornada O congreso remata hoxe. A xornada comeza ás 09:30 horas coa presentación dos resultados do proxecto europeo ERN4mob – European Rural Network for Job Mobility, do cal Vimianzo forma parte. A continuación, ás 10 horas, distintos respresentantes falarán nunha mesa redonda sobre "ERN4mob cara ao futuro". Despois dunha pausa para o café, a xornada continúa cun repaso polos distintos "Programas da UE" no que participaraán representantes da Xunta de Galicia. Laura Oso Casas - coordinadora de ESOMI - será a encargada de realizar as conclusións do congreso que quedará clausurado da man do alcalde de Vimianzo - Manuel Antelo - ao redor das 13:30 horas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios