Martes. 07.05.2024
El tiempo

A Deputación inviste dous millóns de euros en Vimianzo para a mellora de infraestructuras e servizos públicos

A Deputación inviste dous millóns de euros en Vimianzo para a mellora de infraestructuras e servizos públicos
deputacion-castelo-vimianzo O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou onte distintos lugares do municipio vimiancés Vimianzo recibiu onte a visita do presidente da Deputación da Coruña - Valentín González Formoso -, que se enmarca na rolda que está a realizar polos concellos da provincia para coñecer as súas necesidades e escoitar as súas demandas. O rexedor vimiancés, Manuel Antelo, e os deputados provinciais da comarca, José Manuel Pequeño e Manuel Muíño, así como os membros da corporación local foron os encargados de recibir ao presidente provincial. Con eles mantivo unha reunión na que abordaron os distintos plans provinciais e as actuacións que a Deputación está levando a cabo no concello. O alcalde destacou que a Deputación é “un exemplo de como se debe gobernar”. “Estamos moi satisfeitos, non desde un punto de vista egoísta, senón polo servizo aos concellos que da unha administración que distribúe os fondos con criterios obxectivos”, sinalou o rexedor. En concreto, Antelo eloxiou o Plan Único e a “valentía” de deixar que os concellos decidan onde investir os fondos provinciais. “Non necesitamos tutelas, precisamos colaboracións” apuntou o alcalde e destacou o impulso da Deputación para apoiar a Vimianzo no ámbito turístico, de promoción do patrimonio e para modernizar a administración local. Pola súa banda, González Formoso agradeceu o apoio do alcalde e subliñou a “importancia dos investimentos provinciais á hora de mellorar as infraestruturas e os servizos dos concellos que contribúen a incrementar a calidade de vida dos veciños”. corporacion-concello-vimianzo A corporación de Vimianzo e os deputados provinciais da comarca mantiveron onte un encontro co presidente da Deputación da Coruña “Sen Deputación, non hai investimentos nos concellos”, sentenciou o presidente e cifrou en máis de dous millóns de euros as achegas provinciais ao municipio de Vimianzo nos últimos dous anos. Un importante investimento que permitiu construír dotacións municipais coma a Aula da Natureza, os parques infantís de varias parroquias, a pavimentación de diversos camiños e pistas municipais, así como melloras no pavillón polideportivo ou na propia casa do Concello, onde se creou un acceso para persoas con mobilidade reducida e se renovou a cuberta do edificio. Plan Único Para o ano 2017, a Deputación inviste no municipio un total de 1.157.093 euros a través do Plan Único. González Formoso sinalou que esta importante achega permitirá amortizar máis de 100.000 euros de débeda e pagar máis de 353.000 euros de gasto corrente, saneando así as contas municipais. O restante, destinarase a obras financeiramente sostibles, coma a mellora do vial de A Ponte a Roda, a execución dunha rede de saneamento en Vilaseco ou a construción dunha nova senda peonil en Ogás. Asemade, Formoso salientou “a importante contribución das achegas da Deputación para xerar emprego”. Neste sentido, subliñou que o Plan de Emprego Local (PEL) multiplicou por catro as asignacións que viña recibindo Vimianzo na materia, pasando de contar con 11.400 euros no 2015 a unha dotación de 46.000 €, o que permitiu contratar a máis xente durante máis tempo para realizar tarefas municipais. Igualmente, a través do Plan de Medio Ambiente da Deputación, foi contratada unha cuadrilla para levar a cabo tarefas de limpeza nos núcleos rurais do concello. Visitas ás obras castelo-vimianzo-deputacion Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, visitou a mostra de artesanía en vivo do Castelo de Vimianzo O presidente da Deputación aproveitou a súa visita a Vimianzo para coñecer o resultado das obras financiadas polos plans provinciais en diversos puntos do concello. Acompañado polo alcalde, González Formoso visitou a nova Aula da Natureza, ubicada na área recreativa de Presa do Val e financiada con 108.900 euros do Plan de Obras e Servizos (POS) 2016. Esta nova dotación, que complementa a zona de ocio e o merendeiro a carón do río, acollerá actividades divulgativas e obradoiros vencellados ao medio ambiente, o coidado da natureza e o coñecemento da flora e a fauna da contorna. Así mesmo, o espazo quedará a disposición para reunións e outras propostas dos veciños. O presidente da Deputación tamén se desprazou ata Cereixo, onde inspeccionou as obras de construción dunha nova explanada e aparcadoiro, que se atopan xa moi avanzadas. Este proxecto, financiado a través do Plan de Acción Social (PAS) con preto de 83.000 euros, transformou unha parcela que se atopaba inutilizada nun espazo multifuncional, que se utilizará para as festas e feiras, coma área de ocio e tamén coma aparcadoiro, vencellado ao cemiterio próximo.  Outra das obras financiadas polo PAS da Deputación en Vimianzo é a rehabilitación do centro social e escola unitaria de Carantoña. O presidente da Deputación interesouse polo estado destes traballos, que reciben unha achega de 53.240 euros dos fondos provinciais, e que tamén están prácticamente rematados. Dentro deste proxecto do PAS, tamén se inclúe o acondicionamento do parque infantil da propia escola e actuacións complementarias nos parques de Tines e Pasarela. Valentín González Formoso e Manuel Antelo percorreron unha parte da senda peonil que a Deputación está rematando na estrada DP 1603, de Ponte do Porto a Quintáns, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e favorecer o tránsito a pé dos veciños da zona. En concreto, o novo camiño para os viandantes conectará os puntos quilométricos 1.400 e 2.345, que corresponden aos lugares de Porto de Cereixo e Tufións. Valentín González Formoso rematou a súa visita institucional ao concello de Vimianzo no Castelo, propiedade da Deputación da Coruña. O presidente provincial destacou a exitosa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e o concello, para levar a cabo un programa de dinamización que impulse o turismo e ofreza aos veciños unha oferta cultural axeitada. O alcalde e o presidente percorreron as instalacións do castelo e interesáronse polas mostras de artesanía en vivo que nel se acollen. A Deputación achega ao concello de Vimianzo a cantidade de 100.000 euros en concepto de xestión dos dous bens patrimoniais, 70.000 vinculados ás actividades do Castelo de Vimianzo e 30.000 aos Batáns de Mosquetín. Novas relacionadas Fonte

Comentarios