Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Vimianzo e Zas renovan a xestión do Castelo e das Torres do Allo

Vimianzo e Zas renovan a xestión do Castelo e das Torres do Allo
convenio-deputacion-castelo-vimianzo Xesús Souto, deputado da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación, visitou onte o Castelo de Vimianzo O deputado responsábel da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación da Coruña - Xesús Soto - visitou onte os concellos de Vimianzo e Zas para coñecer de primeira man o balance dun ano de xestión dos bens patrimoniais da Deputación nos seus termos municipais ademais de asinar os novos convenios referidos ao Castelo e ós Batáns do Mosquetín en Vimianzo e as Torres do Allo en Zas. “O balance, tal e como estamos a ver cos alcaldes de Zas e Vimianzo, é moi positivo nunha aposta pola cesión da xestión que responde ao propio acordo do goberno da Deputación que contempla a transferencia aos concellos como un primeiro paso de cara á futura cesión da titularidade, un proceso máis longo”, sinalou Xesús Soto na súa visita aos concellos de Vimianzo e Zas. O deputado de Patrimonio - Xesús Soto - e o alcalde de Vimianzo - Manuel Antelo - asinaron onte o convenio polo concello asume un ano máis a xestión da atención de visitantes, a mostra de artesanía ao vivo e outras actividades no Castelo de Vimianzo e Batáns do Mosquetín; que foron incorporados por vez primeira no anterior convenio. Ate o pasado ano o acordo co concello só regulaba as actuacións no Castelo e, de maneira singular, a organización da mostra de Artesanía en Vivo que se vén celebrando desde 1994. Pola súa banda, o alcalde de Vimianzo - Manuel Antelo - destacou o notable incremento de visitantes ao Castelo de Vimianzo que acadou o pasado ano as 24.000 persoas que se achegaron a coñecer o monumento e participar nas distintas actividades. “O aumento de visitas é moi importante con respecto a anteriores anos froito da difusión e a atención que se presta desde que o concello é quen xestiona directamente as actividades e a atención ao público”, valora Manuel Antelo do programa de dinamización do patrimonio que contempla o convenio asinado. O acordo inclúe actividades no Castelo de Vimianzo como a mostra de Artesanía ao Vivo, visita guiada, roteiros a pé, visita teatralizada ou formación a artesáns. Nos Batáns do Mosquetín desenvolverase o servizo de atención a visitantes e iniciativas de animación nas que se inclúen, entre outras, realización de muiñadas e actividades de bataneo ao longo do ano ou charlas divulgativas. A Deputación achega ao concello de Vimianzo a cantidade de 100.000 euros en concepto de xestión dos dous bens patrimoniais, 70.000 vinculados ás actividades do Castelo de Vimianzo e 30.000 aos Batáns de Mosquetín. Torres do Allo A continuación, o deputado de Patrimonio, Xesús Soto, dirixiuse ao concello de Zas onde asinou co alcalde Manuel Muíño o convenio polo que a entidade municipal asume a xestión de visitas e difusión das Torres do Allo, outro dos bens patrimoniais da Deputación da Coruña. O acordo contempla a atención a visitantes co obxectivo de dar uso turístico, impulsar o aproveitamento didáctico e educativo e implicar á poboación local na posta en valor do monumento. O convenio inclúe actividades de dinamización como charlas divulgativas, iniciativas culturais ou propostas para dar a coñecer o monumento como recurso turístico. “Para nós é importante que a xestión dun ben patrimonial como son as Torres do Allo se realice directamente por parte do concello que aspira a ter tamén a titularidade dun recurso importante tanto no aspecto cultural como turístico”, sinalou o alcalde de Zas, Manuel Muíño. As Torres do Allo estarán abertas de 11 a 20 horas sábados, domingos e festivos ata o 11 de xuño e todos os días da Semana Santa. En horario de verán do 15 de xuño ao 15 de setembro estará aberta de 11 a 20 horas e sábados e domingos até 21 horas. A Deputación achega ao concello de Zas a cantidade de 43.000,54 euros en concepto de prestación de servizos de atención a visitantes e actividades complementarias. Novas relacionadas Fonte

Comentarios