Martes. 19.03.2024
El tiempo

Xornadas arqueolóxicas para difundir o patrimonio

Xornadas arqueolóxicas para difundir o patrimonio
Cartel das Xornadas en Mazaricos A arqueóloga de Mazaricos, Nina Alvela, ten como acometido catalogar, limpar e difundir o patrimonio arqueolóxico de Mazaricos. Neste afán deseñou un ambicioso cartel dunhas xornadas o vindeiro día 19 na Casa da Cultura da Picota. Ás 10.30 terá lugar a presentación. A primeira quenda será a do profesor titular da USC, Antón A. Rodríguez Casal coa conferencia "A necrópole da Parxubeira no contexto arqueolóxico das terras do Xallas". Mazaricos hai 2400 anos: os poboados coñecidos e datos da súa vida no castro de Recarea “O Barral”, será a seguinte charla, a cargo da profesora titular da USC, Josefa Rei Castiñeiras. Tras unha pausa para café, Xulio Carballo Arceo, do Servizo de Patrimonio Cultural, falará da protección do patrimonio arqueolóxico. Alvela incide en que é “básico” levar a cabo a “difusión” dos recursos arqueolóxicos para que as persoas “sexan conscientes do importante que é coidalos e respectalos e de que son un alicerce para un turismo natural, respectuoso e sostible”. O alcalde, Juan José Blanco Riveiro sinalou que Mazaricos “ten moitísimos recursos que non se puxeron en valor ata agora. Nós vimos de acometer a limpeza da necrópole de Pedras Miúdas e do Monte Aro”. Ao fío disto engadiu que a necrópole estará “sinalizada en abril ou maio” e será un “recurso de interese para calquera que visite o Concello e tamén para os peregrinos, xa que o Camiño pasa por alí”. Pola súa ubicación nunha altipranicie, Mazaricos conta cun amplo patrimonio arqueolóxico. Un dos seus recursos máis coñecidos é o dolme da Parxubeira que se integra na necrópole de Sotorraño-Parxubeira-Portocoiro. Este xacemento provocou estudos a nivel europeo e foi visitado por especialistas de todas as nacionalidades. O pasado ano Alvela levou a cabo o descubrimento e catalogación de dúas minas na zona do Panasco. Por outra banda, o Concello vén de limpar e acondicionar a necrópole de Pedras Miúdas, en Corzón. Do total das 11 mámoas que compoñen a necrópole, a máis impoñente é unha que ten 24×27 metros nas coordenadas norte-sur e leste-oeste e case dous metros de alto. Ademais, no conxunto pode aprezarse como vai descendendo a altura das mámoas co cambio de milenio e de tipo de enterramento.
En Mazaricos tamén hai diversos castros, como o Aro, que se limpou este verán. Tamén o castro do Enxilde, situado nun meandro do Xallas. Aínda se poden contemplar os restos dunha gran muralla pétrea que conserva 1,5m de alto por 6m de ancho nalgunhas zonas.

Comentarios