Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación (III): "As viaxes de Balbina"

Os Relatos da Fundación (III): "As viaxes de Balbina"
Depois de repasar os debuxos premiados do Concurso da Fundación Fernando Blanco, imos agora recollendo os relatos premiados no VI Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco. Hoxe toca o 1º Premio Categoría A (5º e 6º Primaria) do VI Concurso Relatos: "As viaxes de Balbina" de Claudia Lema Rial do CEIP Labarta Pose de Baio.

"As viaxes de Balbina" de Claudia Lema Rial

Claudia Lema Rial-1 Premio Categoria A do VI Concurso Relatos da Fundacion Fernando Blanco de Cee Claudia Lema Rial-1º Premio Categoria A do VI Concurso Relatos da Fundación Fernando Blanco de Cee Chámome Balbina. De pequena aconteceume un feito que ao contalo ninguén me cre, pero pasoume a min, e sei que só fago falta eu para saber que foi real. Esta historia é a que vos vou contar hoxe. Todo comezou un apagado día de inverno. O ceo estaba gris, o chan estaba cuberto dun enorme manto branco, e eu estaba un pouco enfadada porque non podía ir xogar ao meu xogo preferido: a mariola. Gustábame moito xogar á mariola; dábame igual que xogara alguén comigo ou non, porque vivía con cada número unha aventura diferente, sen que ninguén me xulgara, e a min encantábame. Unha vez aparecín na China. A aterraxe fora un pouco violenta e dolorosa, porque caín dende tres metros de altura ata acabar no chan. Acórdome que me estaba laiando, pero non recordo por qué. Debía de ser por tanto alboroto. Había moita xente paseando: algúns en parellas, outros levaban bolsas, bastante xente con máscaras tapando o nariz e a boca. De repente oín unha voz aguda que me estaba saudando. Achegouse a min, era unha rapaza chinesa, moi guapa. Cando a coñecín parei de chorar. Chamábase Xia, tiña os ollos negros e unha complexión delgada. Fixémonos moi amigas. Xia ensinoume un xogo da China que se chamaba “O rato e o gato”. Tratábase dun xogo ao que podían xogar todos os nenos de todas as idades, onde un tiña que facer de gato e outro de rato, e intentar pillalo. Grazas a Xia aprendín un xogo novo e descubrín unha cultura moi diferente á nosa. O que menos me gustaba das viaxes era que, ao rematar o xogo, nunca volvería a ver a esas persoas, pero sei que ata que teña memoria sempre seguirán na miña cabeza e tamén no meu corazón. Por outra parte, unha das cosas que máis me gustaba era que, ao ir de un lugar a outro, podía comunicarme perfectamente coa xente dese sitio. Outra vez aparecín en Etiopía. A aterraxe era sempre igual, pero esta vez fora un pouco menos violenta e dolorosa. Supoño que sería porque xa estaba algo acostumada. Gustábame ver aos nenos xogar fora. Malia non ser moi ricos eran felices todos xuntos. De novo achegouse un rapaz e fun eu quen empezou a conversa. Pregunteille como se chamaba e díxome Aklile. Parecía un neno tímido, pero deseguido dinme conta de que era falador e que quería ser o meu amigo. Tamén me ensinou un novo xogo, o “Acululu”, que era moi parecido as agachadas, pero había que dicir palabras en amhárico (idioma dos etíopes). Aklile contoume unha historia que me emocionou moito e me fixo cavilar. Etiopía, xunto con Somalia, atópase no chamado Corno de África, a zona máis pobre e onde máis falecementos hai no continente africano, por falta de comida, de auga e de hixiene. Tamén me dixo que o seu mellor amigo morrera había dous anos por estas causas, e que estivera chorando durante un ano enteiro. Cavilei e cavilei, e cheguei á conclusión de que temos moita sorte de ter tantas cousas, así que, dende aquela intentei non ser tan caprichosa nin tan egoísta. O día do meu décimo aniversario, o 10 de setembro, aparecín no lugar no que sempre soñara estar: Venecia. A aterraxe fora similar ás outras veces, aínda que esta vez xa non me magoara nada e pasara algo especial. Caera enriba duna góndola e ao meu lado estaba un home remando e un neno, Adriano, e, ao igual que nas outras ocasións, fixémonos moi amigos. Agarraba unha torta na que poñía “Buon cumpleanno Balbina”, cousa que me sorprendeu moitísimo e entroume unha ledicia que fun incapaz de non transmitir. Mentres sorría, ía mirando a paisaxe: as pontes, as góndolas, xente feliz paseando; eran cousas coas que sempre soñara pero que pensaba que nunca podería ver. Chegou un momento no que quedei pasmada cara un grupo de nenos que estaban xogando na rúa, diante dunha pizzería, e Adriano díxome que me ía ensinar a xogar. Naquel momento case choro de alegría!. Tratábase dun xogo moi entretido: “As canicas”. Tan só facían falta unhas cantas canicas, que eran pequenas boliñas feitas de vidro e con cores moi bonitas. O xogo consistía en tirar as bolas tres veces e intentar darlle ás dos teus contrincantes. Que ben o pasei!. Naquel instante, tiña unha cousa clara. Fora ao lugar onde sempre quixera estar, polo que me sentía unha das nenas máis agradecidas do mundo por todas aquelas cousas tan marabillosas que me estaban acontecendo, e para min foi un dos mellores agasallos de aniversario. O tempo foi pasando, os recordos foron quedando pechados nun caixón, e os anos non paraban de correr. Cando me dei conta xa era unha moza e as responsabilidades cada vez eran maiores, e non podía xogar tanto á mariola. O primeiro día de vacacións de Semana Santa, cando tiña 15 anos, baixei correndo as escaleiras e fun directa ao xardín onde me esperaba unha nova aventura por descubrir. Desta volta o meu destino foi México. Abril, unha rapaza da miña idade, moi guapa e bondadosas, que coñecín no Centro histórico da cidade despois da aterraxe, ensinoume un novo xogo: “O teléfono escacharrado”. Consistía en que un tiña que dicirlle ao compañeiro do lado unha frase difícil, e este repetila a outro participante, e así sucesivamente ata chegar ao último xogador, que tería que dicir a oración completa en voz alta. Cando acabamos o xogo, de súpeto aparecín outra vez no xardín da miña casa. Estrañoume moito, porque nesta viaxe o tempo fora moito menor. A medida que os anos ían pasando, decateime de que canto maior me facía menos duraba o tempo de estar en cada lugar, e sabía que ía chegar un momento no que xa non ía poder gozar desas viaxes. O tempo era imparable. Agora teño 61 anos, son avoa de dúas nenas, Noa e Claudia, pero malia miña idade gústame divertirme. A última escapada á que fun foi a que máis me gustou e me emocionou, e quero contala dunha maneira especial. O lugar de destino foi o meu pobo, Baio, no que me criei e me encantaba estar. Isto comezou unha mañá fría, mellor dito, un apagado día de inverno, no que o ceo estaba gris e o chan cuberto dun enorme manto branco. Fóra, estaban os meus amigos, esperando a que eu saíra, os que pensaba que nunca volvería a ver: Xia, Aklile, Adriano, Abril, ..., pero agora xa eran adultos, tiñan a miña idade, e cambiaran moito. Quíxenlles agradecer o que me ensinaran cando eu era soamente unha nena, e devolvinlles o favor amosándolles o meu xogo favorito: a mariola. Pasamos un día estupendo, tivemos que cavar na neve para poder pintar cun xiz no chan a mariola, e estivemos xogando durante moito tempo. Dixéronme que lles encantara e que nunca esquecerían aquel encontro, no que un grupo de persoas, case xubilados, estaban xogando á mariola un día de decembro, con bolas de algodón grises no ceo, e decateime de que todo rematara como comezara.  

Debuxos e Relatos Premiados 2018

“QPC volverá recoller os relatos e debuxos gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco” — Que pasa na costa

Gañadores dos Premios Fernando Blanco 2017

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios