Xoves. 09.05.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación (I): “Cheira a fresquío”

Os Relatos da Fundación (I): “Cheira a fresquío”
Depois de repasar os debuxos premiados do Concurso da Fundación Fernando Blanco, imos agora recollendo os relatos premiados no VI Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco. E comezamos polo 3º premio da Categoría A (5º e 6º de Primaria), que recaeu en Cee:

”Cheira a fresquío" de Rubén de Ramón Ayala (CPR manuela Rial de Cee)

Ruben de Ramon Ayala-3 Premio Categoria A do VI Concurso Relatos da Fundacion Fernando Blanco Rubén de Ramón Ayala Por fín era sábado. Aínda que non había que madrugar para ir á escola, Susana e Anabel erguíanse moi cedo, só pensando en ir xogar cos rapaces do barrio. Antes tiñan que recoller a súa habitación, almorzar e facer os deberes. Tan pronto remataban, saían voando escaleiras abaixo   A rúa xa comezaba a encherse de rapaces e rapazas que distribuían tarefas como si dunha empresa se tratara; había xefes, encargados e peóns. Comezábase por distribuír os lugares de xogo, é dicir, cada xogo tiña un espazo asignado; o recuncho das canicas cos seus furados na terra; o recuncho onde as buxainas viraban unha e outra vez sen descanso; o espazo destinado á mariola ... Os xefes, que soían ser os mais maiores, comezaron a formar os seus equipos. Os pequenos non tiñan voz nin voto, pero aceptábano sen problema ningún. Era coma unha lei establecida por ninguén e por todos ao mesmo tempo. Nesa mañá soleada de sábado do mes de maio, Susana e Anabel ían formar parte dos que xogaban a ovo, pico, araña. Estaban encantadas. Xunto coa corda e o brilé, era un dos seus xogos favoritos. Nesta ocasión tocáballes apandar. Ían estar abaixo. Eran catro. Todos perfectamente coordinados, todos enganchados uns a outros, e preparados para resistir o peso dos outros catro que lle ían saltar enriba do lombo. Había que pensalo todo; quen se poñía diante, quen se poñía atrás, que sería a nai ... Estaba decidido, a nai ía ser María que, aínda que tiña unha escordadura no pulso, non era motivo dabondo como para quedar na casa, e menos aínda para non xogar. Susana e Anabel íanse colocar nos postos de diante porque así o decidiran os dous rapaces que se ían colocar detrás. Sen case tempo de pensar en nada, chegaba o temido salto do outro equipo, que rebotaba, a modo canguro, no lombo dos que apandaban. Tratábase de resistir ata que saltaran todos e marcasen a figura dun ovo, de un pico ou dunha araña coas súas mans. Non sempre había sorte e, ás veces, tocaba apandar unha e outra vez, porque os de abaixo non adiviñaban a opción elixida polo equipo saltador. Máis esa mañá a sorte estaba a carón de Susana e Anabel. Anabel berrou “pico” con todas as súas forzas, e en canto a nai dou o seu parabén, os dous equipos acabaron polo chan, uns por riba dos outros, entre risas e berros. De súpeto, todas as nais dos rapaces do barrio, como se estivesen sincronizadas, asomábanse ás ventás e todas dicían ao mesmo tempo: “A comeeeeer”. A rúa quedaba deserta en menos de nada. Como os demais, Susana e Anabel subían á casa cun único obxectivo: xantar o máis rápido posible e volver á rúa. Aínda ben non remataban de xantar, axudaban á súa nai, e volta para a rúa, como todos os demais rapaces. Aquela tarde soleada, os rapaces do barrio decidiron que o mellor plan era ir facer unha cabana ao monte do Son. Aló foron. Cando chegaron ao lugar destinado para a cabana, os maiores planeaban distintas ideas, e os pequenos, entre os que se atopaban Susana e Anabel, dedicábanse a recoller paus, ramas, follas, ... Aquilo xa comezaba a ter forma. Para todos eles era perfecta, era a súa obra. Os maiores decidían cando era hora de volver, e os demais obedecían sen protestar. Xa de volta no barrio, outra vez, esas nais perfectamente sincronizadas, comezaban a berrar os nomes dos seus fillos. Susana e Anabel subían a casa esperando, entre sorrisos, as verbas da súa nai: “cheirades a fresquío”. Susana e Anabel pensan que sería perfecto que os seus fillos cheiraran a fresquío algunha vez.  

Novas relacionadas

“QPC volverá recoller os relatos e debuxos gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco” — Que pasa na costa

Gañadores dos Premios Fernando Blanco 2017

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios