Mércores. 01.05.2024
El tiempo
Miro Villar
09:38
18/04/24

Reivindicarmos un importante legado poético da Costa da Morte

Antoloxia Completa de Labarta Pose 2024
Reivindicarmos un importante legado poético da Costa da Morte

O Museo do Pobo Galego acolleu o pasado martes o lanzamento da Antoloxía Poética. Enrique Labarta Pose (Vigo: Galaxia, 2023, 224 páxinas) en edición literaria dos filólogos Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela. Esta compilación nace co obxectivo de reivindicar a obra poética de Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863 – Barcelona, 1925), quen fora académico correspondente da RAG e autor dunha cumprida obra literaria en galego e en castelán que se viu fanada polo seu tráxico óbito por mor das graves feridas ocasionadas nun accidente ferroviario na localidade barcelonesa de Les Planes.

Presentacion da Anoloxia poetica de Labarta Pose no Museo do Pobo Galego
Presentación da Anoloxía poética de Labarta Pose no Museo do Pobo Galego

Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela fan parte da Comisión Labarta Pose Pro Letras Galegas, que preside o físico Jorge Mira Pérez, tamén baiés e tamén membro correspondente da RAG, e todos tres teñen analizado en diversos artigos e estudos as achegas literarias labartianas, nomeadamente Varela Varela que publicou nunha edición filolóxica a Obra completa de Enrique Labarta Pose (Edinosa, 1995), froito da súa exhaustiva Tese de Licenciatura, e os seus Contos (Galaxia, 1996) en coedición literaria con Xosé María Lema Suárez.

A proposta para un Día das Letras Galegas alicérzase no feito de que antes foron lembradas as obras literarias de autores do XIX, desde Rosalía (1963), Pondal (1965), Curros (1967) Francisco Añón (1966), Marcial Valladares (1970), Lamas Carvajal (1972), Manuel Lago González (1973), Xoán Manuel Pintos (1975), Antonio López Ferreiro (1978) e até Manuel Leiras Pulpeiro (1983), mais ningunha outra nos últimos corenta anos.

Rei Lema e Varela Varela realizan unha significativa escolla da poesía da poesía labartiana pois editan 40 poemas na nosa lingua e tan só deixan fóra oito poemas galegos quer pola súa considerable extensión quer polo seu carácter circunstancial. No “Limiar” ofrecen unha precisa síntese dos seus principais datos bio-bibliográficos, na que tan só se bota en falta unha explicación para o parágrafo “Os anos máis infecundos de Labarta son os que van de 1908 a 1917”. Cales puideron ser as razóns para o silencio dun escritor tan prolífico na altura no xornalismo literario e na poesía, mais tamén na dramaturxia e na narrativa?

Deseguido os editores debrúzanse sobre “A poesía galega de Labarta Pose”, que procede dos seus libros Bálsamo de Fierabrás e Millo miúdo, deste en maior medida, mais tamén engaden outros textos que se rescatan da prensa da época, revistas e xornais que as máis das veces tiveron o escritor de Baio como director ou fundador da cabeceira.

E ao abordaren a temática tratan de combater, de maneira convincente, contra a estreita catalogación como “poeta humorístico” que recibiu na crítica contemporánea. Salientan de primeiras que cando menos quince dos poemas compilados foran premiados en certames e que todos eses textos adoitaban estar inspirados pola propia temática das bases, un amplo espectro que vai desde a poesía amorosa até a costumista, mais nos que tamén hai moito de autorreferencialidade como sucede nun dos seus poemas máis coñecidos “A festa da patrona de Tabeirón”, topónimo que é trasunto da súa vila natal.

Alén de textos que poetizan personaxes recoñecibles da época, entre os que destacan sen dúbida os intitulados “Ó Padre Feixoo” e “Morreu o poeta!”, in memoriam de Curros, ou espazos que habitou, como a cidade do Lérez no seu “Canto a Pontevedra”, poñamos por caso, están outras composicións que o singularizan como precursor de temas nunca antes tratados na nosa literatura, velaí a animalista “Revista dunha corrida ¿de touros? na vila de Noia feita por un labrego” ou o seu longo poema “Defensa das mulleres” que os editores desbotan pola súa extensión, aínda que recollen un fragmento en “A irmán da caridade”.

Por parte a defensa da lingua galega acada o seu cumio nun poema “Non falés o gallego!” que ofrece unha lectura sociolingüística do uso do idioma en ámbitos urbanos ben interesante, na liña daqueloutros versos coñecidos de Eduardo Pondal. O poema, aparecido na portada do xornal coruñés El Ideal Gallego, está imbuído das relacións que estableceu co catalanismo nos seus anos barceloneses.

Finalmente os editores analizan o seu oficio de notable versificador ao salientaren o dominio métrico e a preponderancia das formas populares mais tamén con abondosos exemplos de poesía de xinea máis culta. Detéñense nas diferentes voces poéticas das que fai uso e conclúen que a súa lingua non é tan depurada, como pode ser o rexistro pondaliano, mais é rica en léxico e fraseoloxía dialectais da área fisterrá.

E a lectura dos versos de Enrique Labarta Pose permite constatar e ratificar que esta recuperación da súa poesía para ser divulgada é digna de loanza e que con esta nova ollada supera as estreitas lindes da “poesía humorística” na que se encerrou desde a historia da nosa literatura, moito máis benévola coa “autenticidade”, como a cualificou Carballo Calero, dos seus contos. 

Secasí, teña en consideración ou non a Academia a obra de Labarta Pose, esta edición divulgativa que contou coa axuda na edición do Concello de Zas, moi activo na memoria do seu fillo predilecto, vai ser unha oportunidade extraordinaria de achegármonos a un autor pouco coñecido na actualidade, inmensamente recoñecido na súa época, do que en poucos meses vaise conmemorar o centenario do seu pasamento e que, con excelente criterio, Galaxia inclúe na súa colección Letras Galegas Clásicos despois de Rosalía, Cabanillas, Añón, Leiras Pulpeiro, García Barros e Murguía.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

 

Comentarios