Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Nace Medra.gal, a academia online en galego para facer medrar os negocios en Internet con acento de Carnota

A pasada semana lanzouse medra.gal, unha páxina web con formación en emprendemento, márketing e negocios dixitais na que participa Javier Boquete, emprendedor e dinamizador do rural afincado en Carnota

javier-boquete-capa-video-2
Javier Boquete
Nace Medra.gal, a academia online en galego para facer medrar os negocios en Internet con acento de Carnota

Xa está na rede https://medra.gal/, a nova plataforma de formación online en galego. Un espazo dirixido a persoas que queren lanzar un negocio en Internet ou queren tirar máis proveito na Rede dun negocio xa creado. "Medra é unha solución creada por emprendedores e para emprendedores baseada en formación impartida por emprendedores e emprendedoras galegas que comparten as súas aprendizaxes e experiencias con casos reais tanto de erros coma de acertos".

“Non vas ser millonario grazas aos cursos online. Quen che prometa iso estaría mentindo, porque non hai unha fórmula máxica para o éxito en Internet, xa que depende de moitos factores. O que si podemos asegurar é que en Medra podes aprender e sacar información de valor de todos os contidos publicados”, comenta Anxo Sánchez, o impulsor deste proxecto.

Formación, conversas con referentes e sesións grupais

En Medra hai xa publicados seis cursos iniciais de contidos que van desde os pasos estratéxicos imprescindibles para emprender ata conseguir vender en redes sociais ou crear unha primeira campaña publicitaria online. As persoas que accedan á academia poderán tamén aprender a crear unha páxina web desde cero ou iniciarse no mundo do posicionamento en buscadores.

Entre os docentes que xa teñen cursos publicados atópase o carnotán de adopción Javier Boquete, mentor de márketing en proxectos de emprendemento e dinamizador do rural e do entorno no que leva xa afincado uns anos. Logo dunha etapa da súa vida dando clase nun centro privado universitario, decidiu instalarse en Carnota, onde fundou a axencia de márketing dixital ‘Las Once y Cuarto’, un proxecto especializado en crear nomes e marcas para todo tipo de emprendedores e pequenas e medianas empresas. Deste xeito, pon toda a súa experiencia e saber facer ao servizo dos usuarios de medra.gal. 

Xunto a Boquete tamén están Saúl Vérez, consultor SEO e deseñador web; Bárbara G. Vilariño, consultora de comunicación; Ana Díaz, especializada na xestión de proxectos de márketing e que tamén viviu unha temporada na Costa da Morte, concretamente en Corcubión formando parte da empresa Galinus, creadora de QPC; e Anxo Sánchez, mentor de emprendedores especializado en proxectos dixitais.

Pero en Medra tamén hai espazo para a conversa con diferentes referentes galegos como a asesora Estela Vázquez; Pablo Roca, de Juicer Márketing; Iván Expósito, de Dinahosting; Sara Torreiro, da Casa Grande de Xanceda; Manolo Rodríguez, de Desenredando La Red; ou a docente especializada en márketing Diana Peñas.

Unha academia de pago por subscrición

Medra.gal funciona mediante unha subscrición na que o alumno ou alumna ten acceso a todos os contidos e recursos, desde os máis recentes aos máis antigos. Cursos, conversas, sesións de soporte, recursos descargables, etc. Hai 3 plans dependendo da periodicidade do pago: mensual, trimestral ou anual. A academia non ten permanencia, polo que o usuario pode darse de baixa cando queira. 

Comentarios