Xoves. 09.05.2024
El tiempo

O Conco, listo para acoller o PreEuropeo sub18 de volei

Presentacion do PreEuropeo de Volei en Dumbria
Presentación do PreEuropeo de Volei en Dumbría
O Conco, listo para acoller o PreEuropeo sub18 de volei

Poucas veces, se cadra nunca, a Costa da Morte acolleu un torneo internacional de seleccións. Pero o Concello de Dumbría segue empeñado en facer do deporte de alto nivel un motor económico para a comarca. Así acontecerá os vindeiros 12, 13 e 14 de abril, cando O Conco acolla o Preeuropeos sub18 de Voleibol en categoría masculina.

4 comitivas internacionais (Alemaña, Ucraína, Países Baixos e España) concentraranse na comarca para lograr os dos dous primeiros postos que dan acceso aos Campionatos Europeos Sub 18 que se disputarán este verán.

Teremos ademais máis razóns para acodir en masa a apoiar ao combinando estatal, xa que no “mini Red Lynxes”, se atopan os xogadores locais Iago Larrañaga e Tiago Fernández.

Presentación

Abriu a presentación José Ángel Luna Bargo, vicepresidente da Real Federación Española de Voleibol e presidente da Federación Galega de Voleibol, agradecendo o compromiso do Concello de Dumbría para acoller este evento internacional. “É o froito do bo traballo que se leva anos facendo en Dumbría en materia de voleibol. Como mostra chega ver os xogadores locais que están representando a España nesta e noutras competicións. Animo ao público a encher as gradas do Conco porque poderán ver en xogo ao futuro do mellor volei mundial. Sei que o apoio non vai faltar porque sempre que organizamos algo en Dumbría, o público responde”, sinalou.

Raúl González Lado, alcalde do Concello de Dumbría, deixou claro que “Este evento é moi importante para Dumbría, porque o deporte situará, de novo, Dumbría no mapa internacional, e sitúa a Dumbría como capital comarcal do deporte”. “Organizar un evento deste calibre é un gran reto para nós. Contamos cunha traxectoria xa organizando cousas grandes en voleibol, cunha Copa Príncipe, cunha fase de ascenso a Superliga 1…”, sinalou agradecendo o compromiso “do club, da súa xente, do persoal do concello,..., porque grazas a todos eles, á súa dedicación e traballo, todo isto é posible”. “Unha vez máis o deporte volve ser motor económico de toda a comarca, xa que este evento traerá aquí a moita xente ao longo de toda a semana”, destacou, lembrando ademais a ilusión que lles fai aos dous xogadores da casa participar nesta competición.

Deste xeito, Iago Larrañaga Ledo, xogador do Club Volei Dumbría e convocado pola Selección Española Sub-18, (Dumbría, 2007), foi claro: “É un orgullo xogar diante de familia e amigos que, co seu apoio, farán que todo sexa un pouco máis sinxelo. Agardamos contar con moita xente nas gradas toda a semana”. Pola súa parte, o seu compañeiro tamén no club local e convocado cos RedLynxes, Tiago Fernández Vaquero (Corcubión, 2007), asegurou estar “moi contento de poder xogar na casa porque xogar co público a favor encántanos”.

Pechou a presentación un dos grandes alicerces desta aposta municipal polo deporte de alto nivel, César Ferrío, presidente do Club Volei Dumbría. “Grazas ás Federacións española e galega por darnos a oportunidade de organizar un evento a nivel internacional. E moitas grazas tamén ao concello por estar sempre aberto a apoiar iniciativas deste calado deportivo. Agardamos, entre todos, estar á altura da importancia deste evento, apuntou.

Concentración

A Selección Española, de Fredinson Mosquera, chegará días antes a Dumbría para o preparatorio da competición, no que disputarán un bilateral coa Selección portuguesa.
De feito, desde o 7 ata o 10 de abril, os xogadores da Selección Española estarán xa concentrados en Dumbría. Ao longo deses días, xogarán un bilateral amigable contra Portugal, para preparar así a súa cita cos Preeuropeos.

Calendario

O torneo preeuropeo U18 Fase 2, disputarase no pavillón municipal do Conco, en Dumbría, desde o venres 12 ata o domingo 14 de abril, nos seguintes horarios:

  • Venres 12 abril:
    - 16:30 h Alemania vs Ucraína;
    - 19:00 h España vs Países Baixos.
  • Sábado 13 abril:
    - 16:30 h Ucraína vs Países Baixos;
    - 19:00 h Alemania vs España;
  • Domingo 14 abril:
    - 16:30 h Países Baixos vs Alemania;
    - 19:00 h Ucraína vs España.

A entrada ao pavillón será gratuíta.

Cartel campionato Preeuropeo sub18 Voleibol Dumbria 2024

Novas relacionadas

Comentarios