Martes. 19.03.2024
El tiempo

Zas recupera polo miúdo a historia da parroquia de Mira

Zas recupera polo miúdo a historia da parroquia de Mira
Continúan Xosé María Lema e Evaristo Lema recuperando o patrimonio, parroquia a parroquia, do Concello de Zas a través da rede. A través da sección Zas polo miúdo seguen repasando os tesouros zaseiros, e desta volta toca parar en Santa María de Mira. Unha demostración da aposta polo patrimonio do Concello de Zas, como o corrobora a contratación dun técnico para potenciar a “Ruta dos pazos barrocos”.

A parroquia de Mira en ‘Zas polo miúdo’

PAZO DE FOLLENTE ONDE SE HOSPEDOU FONTÁN copia Pazo de Follente onde se hospedou Fontan, na parroquia de Santa María de Mira, en Zas Follente foi un dos primeiros lugares da Carta Geométrica de Galicia, de Domingo Fontán

A parroquia de Santa María de Mira está situada no somonte occidental da Serra de Santiago (a do Pico de Meda). Contra 1867 incorporou ó seu territorio a súa parroquia anexa de Follente.

Na nave da súa igrexa traballaron, entre 1730 e 1736, Silvestre e Afonso Diz, canteiros de Moraña (Pontevedra). A fachada é de finais do séc. XVIII. Houbo máis reformas arquitectónicas na segunda metade do séc. XX. O antigo retablo maior foi obra de Francisco Castro Agudín, escultor de Sandrexo, en 1790.

Nos seus termos atópase a ermida de San Roque do Monte Coroado, cunha romaxe moi concorrida o último domingo de agosto. Esta festa ten a súa orixe nunha confraría fundada en 1565 por fidalgos soneiráns e xalleiros das casas de Sas, Romelle e Cícere. Estaba reservada para matrimonios fidalgos, que celebraban pantagruélicos banquetes a véspera e o día da festa. Os visitadores pastorais do Arcebispado reprobaron durante máis de 200 anos estas comelladas, sen moito éxito.

O antigo pazo de Follente botouse abaixo no séc. XX e transformouse na casona que vemos hoxe. No penal norte conserva o escudo co emblema dos Figueroa, Leis e Caamaño. Nesta mansión tivo lugar un importante feito histórico, pois nela aloxouse, en decembro de 1823, o famoso cartógrafo e matemático Domingo Fontán, pois Follente foi un dos primeiros lugares (o 4º) que escolleu para a elaboración da que logo sería a Carta Geométrica do Reino de Galicia, rematada en 1834 e impresa en París en 1845. Sería o primeiro mapa moderno de Galicia, realizado cun sistema de medición innovador para a época, a triangulación xeodésica. O motivo de vir a Follente foi porque o pazo era propiedade de Antonio Loriga, amigo e correlixionario seu (os dous eran de ideoloxía liberal). Publicamos dúas fotos inéditas do caderno de campo do ilustre cartógrafo, facilitadas polo xornalista e investigador brasileiro Vítor Brandalise, que en 2012 estivera na comarca seguindo os seus pasos.

Sería importante que o Concello de Zas puxese en Follente algún tipo de sinal que lembrase a estadía deste persoeiro galego, un dos poucos que xace -xunto a Rosalía de Castro, Alfredo Brañas ou Cabanillas- no Panteón de Galegos Ilustres da igrexa compostelá de Bonaval.

Diario de D Fontan-Follente 1823-foto Vitor Brandalise Diario de D. Fontán-Follente 1823-foto Vítor Brandalise

Máis información

 

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios