Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Muxía

A acción feminista do BNG comarcal esixe “desculpas públicas e urxentes” do alcalde de Muxía pola súa actitude no último pleno

Vimos, con vergoña allea, a semana pasada o pleno do Concello de Muxía. Un pleno cheo de insultos e faltas de respecto que non pasaron desapercibidas pola comisión de acción feminista do BNG da Costa da Morte, que vén de esixirlle ao alcalde de Muxía, Santiago Toba, que pida “desculpas públicas e urxentes”. O gruypo denuncia que o rexedor “insultou insistentemente” á edil do BNG Mercé Barrientos, “chamándolle ‘cínica’ ata en sete ocasións, ‘rastrera’ noutras tantas, e tratando de aplicar gaslighting con expresións como ‘pero vostede está ben?’, ‘con esa cara de cinismo’ e ‘con ese sorriso que a caracteriza que non sabemos se tes algún problema ou non’”. 

O grupo feminista do BNG comarcal indicou que a concelleira do BNG, na súa quenda de palabra, pedíu á secretaria municipal que fixera constar en acta os insultos. Remarcaron que “cando Mercé Barrientos intentou seguir, o alcalde interrompeuna de novo para dicirlle ‘prosigue con esa cara de cínica’”, e insistiron en que “as intervencións do alcalde chegaron ata ameazas proferidas en ton exaltado e acenando ‘ten coidado, eh!’". 

O grupo feminista do BNG comarcal indicou que “as faltas de respecto subiron de ton” cando a concelleira do BNG preguntou se desde o goberno municipal se fixeran xestións para un aumento de prazas da Escola Infantil, facendo logo o rogo de que se fixesen as xestións co Consorcio de Benestar para aumentar o número de prazas actuais porque “hai lista de espera e mesmo familias levando os fillos ou fillas a garderías doutros concellos”. Tras esta petición, o alcalde sinalou a membros do público dicindo “os interesados xa marcharon”, ao que Mercé Barrientos respostou que “os interesados serían toda a veciñanza que ten ou pensa ter fillos ou fillas”. O rexedor afirmou que “eu teño fillos e a miña está na gardería”, e a edil do BNG contestou que “a súa si, pero outros aínda non”. Entón Mercé Barrientos tivo que escoitar “igual quixestes ter fillos e non os tes” e “para saber dalgunha cousa hai que vivila, e vostede non a viviu”. 

A Acción Feminista denunciou esta actitude “absolutamente machista e de violencia contra a liberdade individual das persoas que cuestiona a intervención dunha muller polo feito de ter ou non  fillos”, e subliñou que “non podemos permitir que un alcalde dirixa continuamente insultos ou chanzas nin tampouco que desvalorice a unha persoa polo feito de non ter fillos”. 

“O alcalde chegou a cuestionar o feminismo de Barrientos, acusouna incluso de chegar antonte ao feminismo e incluso de facer unha burda manipulación deste”, indicaron desde o grupo feminista, que informou que “entre moitas outras cousas, Mercé Barrientos foi unha das fundadoras de Mudega, a Asociación de Mulleres Deportista Galegas, que loita pola igualdade no deporte  e que foi constituída nun tempo no que o Santiago Toba apenas tiña idade para votar”. 
Desde a acción feminista do BNG da Costa da Morte agardan “que o alcalde, de aquí en adiante, se dirixa á nosa concelleira, e a todas as mulleres, co debido respecto como o que é, representante electa das veciñas e veciños de Muxía”.

 

A acción feminista do BNG comarcal esixe “desculpas públicas e urxentes” do alcalde de Muxía pola súa actitude no último pleno