Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Bruno Díaz: "Un afloramento de nutrintres fixo que a balea azul se detivese en Muros dentro da súa ruta migratoria"

Bruno Díaz: "Un afloramento de nutrintres fixo que a balea azul se detivese en Muros dentro da súa ruta migratoria"
bruno-diaz-bdri Bruno Díaz (no centro) é o director do BDRI, o instituto para o estudo dos delfíns mulares Ademais da súa beleza, para os científicos é un feito histórico o avistamento dun exemplar de balea azul nas augas galegas. Víronse en dúas ocasións; unha nas proximidades da ría de Ons e outra na zona dos Virullos (na entrada da ría de Muros). Grazas as gravacións de Manuel María Candamo Sendón, que o pasado día 8 de setembro viaxaba por augas muradanas a bordo do buque gardacostas "Gómez Paíño", foron varias as institucións que se puxeron a traballar neste avistamento "histórico". Unha delas foi o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI- Instituto para o estudo dos delfíns mulares); un centro de investigacións e formación académica que se centra no estudo da ecoloxía e comportamento dos cetáceos (delfíns, baleas e marsopas). Falamos co seu director, Bruno Díaz.
  • QPC: A que se debe a presenza da balea azul nesta zona e nesta época do ano?
A presenza tanto das baleas comúns como das baleas azuis nesta zona débese a que neste periodo do ano están de ruta migratoria. Baixan dende a zona norte de Islandia e de Escocia cara o sur, polo que algúns exemplares collen como ruta a península Ibérica e, neste caso, a costa galega. O feito de que se observaran con regularidade en zonas próximas á costa débese á un afloramento de nutrintes, o cal nos facilitou observalos con maior facilidade. 
  • QPC: Trátase dun feito aillado?
Si, é un fenómeno pouco común. Levamos anos de estudo e nunca observaramos coa regularidade deste mes a presenza destas especies na costa da galega. E é moito máis raro ver unha balea azul.
  • QPC: Sabíase que a balea azul pasaba polas augas galega na súa viaxe migratoria?
Facía moitísimos anos que non se avistaba unha balea azul nas augas galegas e non había ningunha confirmación de que pasaran por aquí. En Galicia levábase moitos anos sen verse un exemplar deste tipo. Non é común ou polo menos non é fácil avistala. Foi un feito excepcional.
  • QPC: Hai posibilidades de que se avisten máis baleas estes días?
Estes animais viaxan sós, ainda que parece que é posible que se dera o caso de ver a semana pasada outro exemplar na ría de Muros. Neste caso, podemos estar falando de máis dun exemplar. Como dicimos son especies que viaxan soas o que acontece é que cando hai bancos de alimentación, como podería ser a costa galega, detéñense e por iso pode haber máis dun exemplar alimentándose na zona. balea-azul-muros A balea azul avistada o pasado día 8 na ría de Muros mide uns 24 metros e o seu peso supera as 100 toneladas
  • QPC: Que se sabe do exemplar avistado pasado día 8 na ría de Muros?
Trátase dun exemplar adulto, duns  24 metros de lonxitude e o seu peso probablemente supere as cen toneladas.
  • QPC: Que protocolo sigue unha institución como á que pertence despois do avistamento?
Primeiro, o que está tratando de entender o Bottlenose Dolphin Research Institute é a que se debe a presenza destes animais na zona (xa que tamén se observaron baleas comúns durante estes días) e organizamos saídas para comprender un pouco máis a súa visita. O pretendemos agora é averiguar por canto tempo permanecerán na zona costeira xa que o mellor é un feito puntual ou pode durar un mes ou quince días. Iso é o que descoñecemos. O certo é que desde comezos do mes de setembro xa se viron varios exemplares de baleas comúns na costa galega. Nós pensamos que estarán mentras haxa alimento na zona e en canto acabe seguirán a súa ruta migratoria. O noso protocolo é seguir realizando estudos e observacións para intentar ver se hai outros exemplares e si van a vir máis. O que fixemos até o de agora foi identificar ao exemplar, que iso faise en función da súa coloración e estamos en contacto con outros investigadores que van intentar ver se recoñecen o exemplar.
  • QPC: Supón algún perigo a súa presenza?
A balea azul é o animal máis grande que existe no planeta e aliméntase de pequenosanimais, principalmente de gambas que non miden nin un centímetro. Son totalmente inofensivos e non supoñen ningún risco para ningún animal e xogan un papel moi importante no medio mariño e, por desgracia, están en perigo de extinción debido á caza de baleas. A balea azul era unha das máis cotizadas polo seu grande tamaño.
  • QPC: En que se diferenza a balea azul da balea común?
A principal diferenza entre o rorcual azul e o rorcual común é o tamaño, a coloración corporal e a aleta dorsal. A balea azul é moito máis voluminosa, a súa coloración é case moteada e a aleta dorsal é máis pequena ca da balea común e logo tamén ten unha certa simetría facial na coloración.
  • QPC: É certo que é o animal máis grande do planeta?
Sen dúbida algunha, a balea azul é o animal máis grande que existe e existiu. Poden medir ata 30 metros e a súa lingua pesa tanto como un elefante. https://youtu.be/gacAhpLKf9Q  

Novas relacionadas

Máis novas de fauna mariña

Novas da serie De Re Naturae

Máis vídeos naturais

Outras novas de fotografía nocturna

Máis vídeos aéreos

Fonte

Comentarios