Mércores. 08.05.2024
El tiempo

Viki Rivadulla expón "Nemancos" na Coruña

Viki Rivadulla expón "Nemancos" na Coruña
nemancos A partir do vindeiro venres, 6 de novembro, pódese visitar na sala Portas Ártabras da Coruña a exposición  "Nemancos" da artisita Viki Rivadulla. Ese mesmo día terá lugar o acto de inauguración, ás 20 horas, onde intervirán Felipe Senén López e os poetas Lino Braxe, Xosé Iglesias, Marité Prieto, Teresa Ramiro e X.H. Rivadulla Corcón, ademais da propia autora da exposición. O espazo "Portas Ártabras" está situado na rúa Sinagoga, número 22 da Coruña e pertence aos Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña.  Nesta ocasión e debido ás características da sala, tan só viaxará a parte de pintura. En total son vinte cadros acrílicos, que parten da pregunta que se fai a autora sobre como serían os primeiros habitantes de Nemancos (a actual Costa da Morte), como serían esas persoas que decidiron asentarse a vivir nun lugar tan bravo, cunha natureza tan potente e co mar  subindo mesmo até as casas. Desde xeito, Viki Rivadulla fabula con mulleres e homes medio peixes, metamorfoseados en seres mariños, con escamas, fundíndose coa costa, formando parte dela... Explicación da artista: "Nas terras de Nemancos, sobre una lingua de area que se adentra na mar brava, e ao abrigo dun monte de penedos, estableceron o seu fogar homes e mulleres que non tiñan medo a vivir no límite, ao borde do mundo. Nos días de temporal o mar atravesaba esa lingua de area de banda a banda. Nesa terra, o nordés era persistente, pero elas e eles aprenderon a aproveitar a súa forza e convertéronse case en peixes para habitar esas casas que anegaba o mar. Fundíndose coa costa, escoitando falar ao mar e ao vento…" Obra A temática da mostra está baseada na cultura do mar. Habitan os lenzos unhas personaxes que viven na costa e que se funden con ela; a paisaxe impónse e proporciona o medio de vida a quen vive nela, pero tamén os seus habitantes dan sentido ao territorio. A mostra é unha reivindicación da cultura mariñeira que está na base da nosa identidade, pero que está esmorecendo por políticas que non respectan e mesmo desmantelan todo o que sustenta esta forma de vida. As mulleres teñen unha presenza importantísima na mostra. As mulleres como motor da sociedade, como forza creadora. Mulleres que construíron un país trazando os camiños cos seus propios pés, levando a cesta na cabeza, para transportar os alimentos que habían de manter viva á comunidade. Canto ao título, Nemancos é o nome antigo da comarca de Fisterra, na Costa da Morte. E a mostra conta sobre este lugar. Pero este Nemancos ben podería ser calquera lugar de Galiza, mesmo é unha metáfora do noso país, rico, vizoso, vivo… un país que loita por manter a súa identidade. O subtítulo da mostra “Ninguén manda en nós máis que o vento” é un verso do poeta mariñeiro Xosé Iglesias, tomado do seu libro Transfusión oceánica. Verso co que a autora da mostra quere facer explícito ese desexo de liberdade dun pobo que vive en perfecta armonía coa natureza e só ela lle debe marcar os seus tempos. Un pobo que quere seguir sendo o que é, un pobo mariñeiro. Na costa ata a lingua ten que ver co mar. Falamos e pensamos en termos mariñeiros cunha fala que mantiveron para nós os nosos avós. Na mostra, nos lenzos e nas esculturas, son os homes e mulleres desta terra de Nemancos- desta Galiza- os que falan contando a súa historia, os que din que somos unha tribo que vive do mar e xunto ao mar, e que queremos seguir sendo este pobo mariñeiro que dende séculos habita as nosas costas, e manter unha cultura que os nosos antergos trouxeron ata nós. A mostra é case unha narración mítica de como é e como vive un pobo de mulleres e homes- peixe, xunto ao mar. A mostra está composta por acrílicos, arredor de 25, cunhas dimensións de entre 80 a 100 cms de ancho e unha altura de entre 100 a 120 cms. A mostra pode ampliarse –ata dobrar o número de pezas- con obras das mostras anteriores, facendo unha antoloxía, pois a temática mariña está presente en todas elas e encaixan unhas con outras. Tamén pode completarse cunhas 12 esculturas en arxila e madeira.

Novas relacionadas

Outros artigos de Viki Rivadulla

Fonte

Comentarios