Xoves. 09.05.2024
El tiempo

Piden a participación cidadá e critican a fiestra arqueolóxica do Castro Castrelo de Laxe

Piden a participación cidadá e critican a fiestra arqueolóxica do Castro Castrelo de Laxe
Castro tapado de Laxe

Denunciaba a entidade Contramínate que as obras sobre o Castro Castrelo de Laxe están sendo un claro exemplo de descontextualización patrimonial?. Esta semana tócalle á Asociación Cova Crea recuperar o asunto do castro tapado de Laxe, que lle pide á Xunta a “participación da cidadanía e das persoas afectadas na elaboración do citado proxecto e na elección da solución máis axeitada para a protección do mesmo”.

A entidade costeira enviou unha carta á Axencia Galega de Infraestruturas amosando o seu rexeitamento á denominada “Fiestra arqueolóxica”, proposta pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Solicita ademais “que se faga público o modificado do proxecto pola súa incidencia paisaxística, e o impacto que supón para o patrimonio cultural e arqueolóxico”.

Critican tamén que non se amosen alternativas “á ponte de formigón que cruzará o camiño empedrado orixinal de acceso ao Castro”, ao tempo que consideran excesiva a inversión de máis de 3,5 millóns de euros, que “deberían invertirse na conservación do Castro de Castrelo, e non nunha ponte de formigón, cuxo impacto paisaxístico sobre do Castro vai a ser considerable”.

A entidade tan máis queixas, como “a falla de trasparencia na consulta pública ao substraerse o modificado do proxecto da participación da cidadanía, e en especial das persoas afectadas”. Por iso Cova Crea vén de solicitar que se publique no DOG, e alomenos na páxina web institucional da Axencia galega de infraestruturas, para a súa consulta e información por parte das persoas directamente afectadas, a cidadanía interesada e o público en xeral, o proxecto de actuacións arqueolóxicas complementarias á construción da estrada AC-433 Ponte do Porto-Laxe, e posta en valor do Castro “O Castrelo”, elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a través da empresa Arkaius s.l. (Anexo I), e os Planos coa definición da actuación e da construcción da estrutura para salvagardar a integridade do camiño (Anexo II), xa que logo, “é de considerar o interés público que o mesmo desperta pola súa relevancia e repercusións desde o punto de vista paisaxístico, de afección ao patrimonio cultural e arqueolóxico, e a contía económica que o mesmo supón”.

Cova Crea recórdalle asemade á Dirección Xeral de Patrimonio arqueolóxico da Consellería de Cultura, que “o monumento é inseparable da historia da que é testemuña, e do lugar no que está ubicado, polo que o respeto ao lugar no que o Castro de Castrelo se atopa, non permite unha solución como a da mal denominada Fiestra arqueolóxica, en alusión á ponte que ficaría a escasos metros do xacemento, e que ao non ter en conta a participación da cidadanía na elaboración da alternativa máis adecuada para a súa protección, está a vulnerar o Convenio da UNESCO”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Cova Crea.

Comentarios