Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os primeiros lugares de baile do tango: O Boliche de Pérez Gundín

Os primeiros lugares de baile do tango: O Boliche de Pérez Gundín

Arredor dos anos 1860-1870 nas capitais da Arxentina e do Uruguai comezou a xestación dunha danza (o tango) que hoxe é unha das súas máis recoñecidas marcas identitarias. Na proximidade dos postos militares que alí eran os “cuarteles de los milicos” había casas nas que se bailaban valses, mazurcas e chotis. Nos descansos da pequena orquestra, ten lugar a participación duns cantantes que chaman milongueros que veñen dos arrabaldos das cidades e cantan cancións improvisadas coas que manteñen vivo o patrimonio musical do mundo rural. Os asistentes o baile dicían que ían “a la milonga” a bailar coas “chinas” o que significaba a entrada do rural no mundo urbano xa que a milonga era o sinal de identidade dos troveiros do campo, os payadores

Nas zonas portuarias de Bos Aires, Montevideo e Rosario había establecementos onde os mariñeiros extranxeiros facían demostracións dos seus bailes. Así foi que os mariñeiros do Caribe deixaron nos peiraos as habaneras que era unha danza con moita carga erótica pois a coreografía incluía cortes e quebradas. Non hai dúbida que estes movementos son de raíz africana ---tamén moi presentes no candombe--- e por tanto son descoñecidos nos bailes das chinas cuarteleras.

O uruguaio Vicente Rossi describe con precisión o ambiente das academias ou salóns de baile públicos que xurden en Montevideo como consecuencia da popularidade que axiña colle a milonga-danza ou sexa a milonga bailada. Rossi menciona un local chamado “San Felipe” que levaba na porta o subtítulo de “Academia de Baile” que foi logo a denominación xeral para este tipo de salóns onde se bailaba a milonga. No seu libro Cosas de Negros, de 1926, expresa: no son cosa antigua las ‘academias’; la última, la San Felipe se clausuró en 1899. Viven pues muchos que la conocieron sin sospechar que allí se incubaba el famoso Tango, entre mujeres de la peor facha, compadraje profesional temible y ambiente espeso de humo, polvo y tufo alcohólico. E sobre as orquestras dicía que solían componerse de media docena de musicantes, generalmente criollos y virtuosos del oído; los más inspirados componían los bailables que habían de acreditar el local. Os instrumentos eran na súa maioría de vento e non se utilizaba o acordeón que era común nos bailes de campo. O acordeón era moi habitual en Bos Aires por mor da influencia da enorme presencia de emigrantes italianos e foi por certo, antes da chegada do bandoneón, o instrumento que lle abriu o camiño o tango para volverse chorón. 

En Bos Aires, houbo uns lugares chamados peringundín ou piringundín no que o nacente tango foi medrando. A voz peringundín é motivo de debate e non hai acordo entre os investigadores do tango. Hai quen fala dunha orixe xenovesa e outros francesa (dunha danza do Périgord: a périgordine) e outros atopan o seu nacemento nas beiras porteñas do Riachuelo. Disque alí tocaban  a guitarra e o acordeón, dous mariñeiros que se apelidaban Piris (paraguaio) e Gundín (brasileiro). A miña proposta é que a solución está en Galicia xa que o apelido Piris non ten nada de paraguaio (onde o guaraní é lingua oficial) e tampouco Gundín é brasileiro senón un apelido galego de orixe toponímica. Coido que estamos diante dun neoloxismo de indubidable orixe galega que provén do nome dun emigrante galego. Os historiadores indican que na beira do río, nun lugar chamado Tres Bocas del Riachuelo, houbo desde o ano 1873 un pequeño e sinxelo caseto de madeira que ofrecía os servizos dun boliche (galeguismo na linguaxe popular riopratense) no que se vendía viño e peixe fritido e chourizos asados. Hai investigadores que din que o seu primeiro propietario foi un tano chamado Augusto e que logo pasou a Xosé Pérez Gundín que evidencia ser un gayego que colleu o traspaso do local. Así que pola moita sona dos bailes deste boliche, sen nome rotulado no exterior, foi identificado polos apelidos do seu propietario. Xa temos no nacente tango a presencia dun emigrante que funda un dos seus locais iniciáticos. É ben sabido que os boliches foron un sector comercial de abondante presencia galega e por tanto a nosa emigración está presente no nacemento do tango. O emigrante Pérez Gundín (non teño información biográfica) outorgoulle a partida de bautizo ao lugar de baile no que comezou o tango que logo será coñecido en todo o mundo. 

Laura deslumbraba, ciertamente, cuando aparecía. Se mostraba de pollera larga y estrecha, con algo de cola, cubierta con lujosa matinée, especie de casaca suelta, llena de encajes y de cintas que aparecían y desaparecían bajo el fino entredós. Su casa era lujosa. La sala ---escenario de los bailes famosos--- lucía sus grandes espejos, sus altos jarrones, sus cuadros y decorados”  León Benarós

Os máis famosos peringundíns de Bos Aires, con selectos siareiros, foron dous locais que se coñecían polos nomes das súas propietarias: o de Laura (Laurentina Montserrat) na rúa Paraguai 2512 e o de María La Vasca (María Rangola) na rúa Carlos Calvo 2721. Outros de menor categoría eran os da Gringa Adela, da Vieja Eustaquia, da China Rosa, da Gorda Esther, da Turca Leonor e da Gayega Julia (da que tampouco hai maior información). 

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

 

Comentarios