Sábado. 18.05.2024
El tiempo
20:05
08/09/13

O último alcalde republicano de Zas

O último alcalde republicano de Zas
Foto antiga da Praza do Concello de Zas

Anda a política municipal galega distraída con exabruptos coma o do alcalde de Baralla, que amosou abertamente as súas conviccións franquistas, como antes fixera o alcalde de Beade. Ambos permanecen ao mando, malia existir unha lei que non permite tales cousas; e ambos permanecen no PP, malia existir un regulamento interno do partido que tampouco permite esas saídas de armario entre os seus cargos (por aquilo de aceptar as regras do xogo democrático). Sexa como for, sempre é positivo que saian á tona unhas actitudes que pasaron anónimas e naturalizadas por moitos dos nosos consistorios, e que son sintomáticas de profundas eivas culturais.

Mentres tanto, moitos concellos con gobernos progresistas adoitan protexer coidadosamente o silencio sobre a memoria, aínda tendo a lei da súa parte, o cal dá unha idea da persistencia do medo á orde non desestablecida. Na Costa da Morte hai excepcións, aí está o Concurso de investigación sobre a memoria histórica de Vimianzo, celebrado o ano pasado. Porén, a miña memoria histórica viaxa a 2009, cando o concello de Zas homenaxeaba os seus 5 alcaldes en democracia, con motivo do 30 aniversario da promulgación da Constitución española e das conseguintes corporacións locais. E non podo evitar pensar nas ocasións, coma esta, que houbo desde a aprobación da lei da Memoria Histórica en 2006, para homenaxear o último alcalde republicano de Zas.

Jorge Varela Rial era un labrego de 35 anos, da aldea da Andragalla. E ademais era alcalde de Zas cando estalou o Golpe de estado de xullo de 1936, contra o goberno da II República española xurdido dunhas eleccións democráticas en febreiro daquel mesmo ano. Nas convulsas datas posteriores ao “alzamiento” o alcalde foi detido, xulgado en Compostela e sentenciado a pena de morte. Naqueles intres Compostela tamén ollaba como era executado o seu último alcalde republicano, o editor Ánxel Casal, que hoxe dá nome a unha biblioteca pública da capital. Por sorte, a pena do idealista labrego da Andragalla sería conmutada por cadea perpetua.

Hoxe en día, apenas se atopa información documentada sobre Varela Rial nun fragmento do libro de investigación “Crónica dunha represión na Costa da Morte” (de Luís Lamela García) e nunha ficha do proxecto de recuperación “Nomes e Voces” (que lamentabelmente esmoreceu este ano ao deixar a Xunta de financialo).

Máis artigos de Roberto Rouget

Máis información

Comentarios