Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os Camiños do Mar da Costa da Morte, “unha obra de arte natural”

Novemares sobre turismo e natureza xentes
Os Camiños do Mar da Costa da Morte, “unha obra de arte natural”

O simbólico pero un pouco apretado salón do Faro Nariga acollía unha nova sesión de reflexión do programa Novemares. A Fundación Eduardo Pondal convidaba a unha serie de persoas de referencia para charlar sobre os Camiños do Mar, sobre esas sendas do noso litoral que son os nosos mellores produtos turísticos pero sobre os que as administracións non acaban de apostar.

Diante dunha trintena de persoas, a xornalista bergantiñá Verónica Tasende e o anfitrión da FEP Xosé María Varela, FEP, presentaron e coordinaron a charla con Cristina García, (pontecesá de Tella e unha das responsables da área de turismo do Camiño Inglés), Francisco Canosa Xeorutas, do Xeoparque do Cabo Ortegal, Eloi Fernández, como representantes da Asoc. Camiño dos Faros e Xacobo de Toro e Rocío Romar, mestres Xeoclip-Paisaxe Litoral.

A xornada recoñeceu que “os Camiños do Mar na Costa da Morte, en especial Os Camiños dos Faros é algo máis que unha ruta de sendeirismo á beira do mar, é un itinerario cultural marítimo da Costa da Morte, no que podes coñecer historias, lendas, a fauna e flora ... ver mariscar, pescar, lonxas de peixe, redeiras... gastronomía e un ceo cheo de estrelas”. De feito, consideran que “son un chanzo máis na visibilidade do mar como recurso de diversificación e desenvolvemento azul sostible”.

Novemares sobre turismo e natureza

Para os asistentes, os sendeiros litorais con “unha obra de arte natural que é hai que entender e amosar”. Apuntaron que “para afianzar uns Camiños do Mar sostibles hai que traballar culturalmente os valores, uns valores que fagan crer, coidar e apostar, de maneira sostible, pola Costa da Morte. Temos que coñecer para saber e ser conscientes do valor que ten a Costa da Morte cos seus recursos naturais (xeoloxía, flora, cultura mariñeira, faros.....) como unha oportunidade de emprendemento”.

Por iso falan de levalos á escola pero tamén de crear apego e identidade na poboación local, comezando por escoitar e colleitar a cultura do noso mar. “Para divulgar o noso patrimonio natural e facelo de maneira atractiva e didáctica, a súa paisaxe e flora, as súas lendas, nomes de lugares, pedra seca… primeito temos que coñecelo.”

De aí que “moitos dos novos contidos culturais que queremos están na recuperación do patrimonio inmaterial que ten a xente do mar, dos nove mares da Costa da Morte. A talasonimia cos nomes dos coidos, das rochas, dos entrantes, etc. axudan a crear contidos que reforzan e animan a coñecer a Costa da Morte dunha maneira diferente”. Para axudar propoñen ferramentas como Galicia Noeada ou o Xeoclip.

Como conclusión final, unha idea clave: “para facer uns Camiños do Mar temos que contar co apoio das administracións, apostar pola colaboración e cooperación dos concellos que axuden impulsar e afianzar as actividades e iniciativas culturais dos Camiños na Costa da Morte”. Pero claro, as administracións en eventos coma estes, non están nunca...

Máis novas do programa Novemares

Comentarios