Sábado. 27.04.2024
El tiempo

FUTFEM: O Corme tamén supera o obstáculo do Muxía

Corme-Muxia da Liga da Costa feminina-Foto-Fin Lema. 1
Imaxe do Corme-Muxía -Foto-Fin Lema
FUTFEM: O Corme tamén supera o obstáculo do Muxía
Coa inmensa alegría do triunfo da Selección sub11 no Campionato galego de Seleccións Comarcais, que ratifica que a revolución do #FUTFEM na Costa da Morte xa se nota no resto do país, facemos repaso da xornada 23 nas ligas femininas.

Unha xornada que deparou na 2ª, unha gran vitoria do Xallas que escapa do Cee e sobe ata a 5ª praza. Ceenses e muradás non puideron cos dous equipos que están a loitar polo título.

Na Liga da Costa, a loita segue aberta arriba de todo, e Corme e Dumbría seguen sen ceder. 4 puntos ten de vantaxe o Corme sobre o Dumbría, pero ten un partido máis e cun Dumbría-Corme pendente na penúltima xornada.
A loita pola segunda praza de promoción tamén está viva, tendo agora ao Ponteceso como máximo aspirante tras ver como o Muxía, que está sufrindo as baixas, leva xa 4 xornadas sen gañar.

2ª División Feminina, Gr.1, xornada 3

Xallas - Orzán (2-1)

11 do Xallas FC Feminino marzo 2024
11 do Xallas FC Feminino marzo 2024
  • Xallas: Rosio; Carla, Saskia, Ali, Otero; Andrea Barbeira, Maria, Yasmina; Paula, Claudia e Noelia. Tamén: Laura, Michelle, Daniela e Zaira.
  • Goles: 0-1, m.72; 1-1, m.75: Noelia de penalti; 2-1, m.87: Alicia nun córner.

Partido moi reñido e competido, onde o Orzán mantivo seco ao cadro de Rupper durante moitos minutos, conseguíndose poñer por diante no marcador na segunda metade tras un gran acción individual da súa dianteira. Pero nesta ocasión a xustiza e a sorte chegaron no tramo final cando unha falta a Yasmina se cobrou como pena máxima e a mediapunta vimiancesa Noelia non fallou desde os once metros.
Con todo, faltaba o último gol para a remontada que chegou no minuto 87 dos pés de María Rial que executou un córner e Alicia Rial remachou ao fondo das mallas. O Xallas tíñao nas súas mans e non quería que se escapase este bote de tres valiosos puntos. Loitou, defendeuse con uñas e dentes as acometidas do Orzan nos minutos finais e abofé que o conseguiu non pasando nada máis no encontro.

Pastoriza - Cee (4-0)

Pouco que facer ante un dos mellores equipos da categoría para un Cee que chegaba ademais a Pastoriza co moitas baixas. As ceenses aguantaron ben a primeira metade, pero 3 goles seguidos ao comezo da segunda acabaron co partido.

San Pedro - As Míudas (5-0)

As muradás tampouco puideron facer fronte a unha das favoritas para o título. E iso que aguantaron ben ao principio, pero un arreón antes do descanso permitía ás oleirenses a marchar 0-3 ao descanso e deixar o partido sentenciado.

 

3ª División Feminina, Gr.2, xornada 23

Camariñas - Mazaricos (1-0)

  • Camariñas: Desiré, Laura Garrote, Rosana, Rocío, Uxía, Laura Pose, María, Nuria (Ainoa), Elena (Cris Mouzo), Paula e Maira (Saray)
  • Mazaricos: Vale, Paula Maneiro, María Senra, Mariña, Fati, Katia, Buján, Raquel, Antía, Leire, Claudia. Tamén: Saray, Paula, María Antelo, Hermida, Cerbán.
  • Gol: 1-0, m.43: Paula Mouzo.

Partidazo intenso e igualadísimo vivido no Vicente Carril, con moito vento. O Mazaricos chegaba con moitas baixas, pero aguantaba moi ben unha primeira metade con moito xogo no medio campo e só ocasións en xogadas a balón parado. Foi ao fío do descanso cando a capi camariñá Paula Mouzo desfacía o empate cun golazo de volea dende o borde a área, que petaba no longueiro, botaba dentro e saía.

Antes do descanso aínda tivo unha antes do descanso. Pero na segunda, o cadro amarelo pegou un baixón físico, e o Camariñas foi dominador, atopándose unha e outra vez coa meta Vale, unha das mellores da categoría, que fixo un recital de paradas a tiros de María, Maira, Elena e Paula.

Dumbría - Outes (9-0)

  • Goles: Juliette, Eva Lema (3), Kelly (2), Laura, Claudia e Serena.

Partido claro dun cadro dumbriés que non quixo fiarse dun Outes que vén mellorando no segundo treito da temporada e saíron a por todas. Nada máis comezar mandaron un balón ao longueiro e no m.3 xa abrían o marcador. 5-0 ao descanso.

CF Dumbria fem celebrando vitoria
O CF Dumbría celebrando a vitoria

Bergantiños B - Cerqueda (1-0)

11 do Bergantinos B da Liga da Costa feminina

  • Bergantiños B: Ari; Aroa Varela, Sara, Amelia, Ainhoa; Clara, Jimena; Erika, Aroa García, Arancha e Antía. Tamén xogaron: María, Aïsha, Iria e Andrea.

11 do UD Cerqueda en Corcubion

  • Cerqueda: Paula Casa, Uxía Gerpe, Tania, Tatiana, Inés, Uxía Casal, Vanesa, Irene, Sara, Lorena e Raquel. Tamén: Jimena, Alba e Isa.
  • Gol: 1-0, m.73: Antía.

Partido demasiado tenso, malo de ver, sen ocasións para ningún bando. O empate a 0 tería sido o máis xusto visto o feito no campo polos dous equipos pero o acerto do filial no treito final desequilibrou a balanza.

Ponteceso - Fisterra (8-0)

  • Ponteceso: Colores (María), Noe (Saray), Ainhoa, Myre, Laura R (Silvia), Berdeal, Eva, Muíño (Lucivili), Andrea, Noemí (Lara), Claudia.
  • Fisterra: Lucía, Ana Buiturón, Lidia, Lucía Marcote, Xaira, Leny, Tamara, Aroa, Rosi, Jenifer, Jimena. Tamén: Adela e Tatiana.
  • Goles: Andrea (3), en propia, Noemi (2), Claudia, e Muíño.

ponteceso e fisterra capis copia

Partido moi desigualado polas numerosas baixas coas que asistía o Fisterra , e que aínda o foi máis trala expulsión da central Lidia á media hora, aínda co 1-0 no marcador e que condicionou moito o transcurso do partido a partir dese momento.
A fortuna tampouco estivo do lado das verdes cando nun corner en contra facían un autogol.

O resultado no descanso xa era dun contundente 3-0 e tras o parón… o Fisterra non foi quen de cubrir os numerosos espazos que atopaban as locais con facilidade, entrando tanto polas bandas con perigosos centros laterais como polo centro con disparos exteriores.
Abultado castigo para un fisterra loitador que non se veu abaixo a pesar da dureza do marcador. Destacar como estas últimas semanas a actuación da porteira Lucía Fernández, que segue a mellorar semana a semana e sendo fundamental para o Fisterra.

Corcubión - Cabana (0-0)

11 do ud corcubion copia

  • Corcubión: Alexia, Elisa, Vivi, Marta Lavandeira, Carla, Cris, Noa, Trini, Elena Atán, Helena López. Tamén: Claudia, Andrea e Daniela.

11 do Cabana SD da Liga da Costa Feminina

  • Cabana: Miriam, Antia, Sheila, Aroa, Begoña (Jessi Rojo), Inma, Alejandra, Iria (Nuria), Saray (Aitana), Irene (Natalie), Isabel.

Partido moi aburrido e marcado polo vento con poucas ocasións para cada equipo, no que as defensas se impuxeron as dianteiras.

O choque deixou a demais a lesión de Irene, peza fundamental nas cabanesas (quedou nun golpe), e a marcha da defensa corcubionesa Vivi, que que ten que deixar o equipo por temas laborais.

Corme - Muxía (2-0)

11 do Corme CF da Liga da Costa feminina-Foto-Fin Lema

  • Corme: Belén; Lucía (Aroa), Irene, Laura (Nati), Vero; Candela (Cris), Olalla, Ana, Nerea, Carla e María (Mónica).

11 do Muxia CF en Corme-Foto-Fin lea

  • Muxía: Sheila, Paula Vilela, Marta Caamaño, Nerea Pazos, Raquel, Andrea Insua, Nerea Barrientos, Nuria, Paula Rey e Claudia. Tamén: Denise, Sara Haz, Xeila, Sara Domínguez, Marcela.
  • Goles: 1-0, m.80: Carla; 2-0, m.87: Nerea.
Corme-Muxia da Liga da Costa feminina-Foto-Fin Lema
Foto-Fin Lema

Están facendo mella as baixas no Muxía, que se está a descolgar mesmo do posto de promoción. Esta fin de semana competía ante un líder que tamén chegaba con baixas, e no que o vento era protagonista. Comezou o Muxía co vento a favor, intentando presionar arriba. Á contra tiña un par o Corme, como un balón ao pau de Carla ou un tito de María dentro da área.

Cambiou o conto na segunda, disputándose no campo muxián, co Corme percutindo e o Muxía defendendo ben, ata o minuto 80, cando Carla, cun tiro desde a frontal, abría a lata. Pouco despois Nerea, nun rexeite dun córner, poría a sentenza.

MÁIS NOVAS DO FUTFEM

 

CRÓNICAS DO FUTFEM

Comentarios