Piden a recuperación da Feira do Libro de Cee
Hoxe, 23 de abril, é o Día do Libro. E coincidindo coa data, o BNG de Cee bota en falta a feira do libro, que foi referente literario da comarca durante moitos anos, desde que no ano 1988, e da man da concellería de cultura en mans do Bng, e do daquela portavoz e concelleiro Pepe Cañizo, se celebrase a primeira edición.
Durante os case vinte anos de vida, numerosos persoeiros da literatura teñen pasado polas distintas edicións, desde Xosé Neira Vilas e Avilés de Taramancos, até os locais Miro e Rafa Vilar, Concha Blanco e María Canosa ou os irmáns Creus.
“A feira do libro de Cee era agardada polos amantes da literatura, e pola veciñanza de Cee, durante todo o ano, e facía parte importante dos numerosos actos festivos e culturais que cada agosto se dan na nosa vila. Unha decisión pouco afortunada fai uns anos, fixo que se deixase de celebrar, polo que consideramos que neste 2024 e dadas as circunstancias sociais e económicas, é un momento axeitado para recuperar o que nunca se tivo que ter perdido”, declarou Serxio Domínguez Louro, portavoz do Bng de Cee.
Por iso van pedir, por escrito, que se recupere este mes de agosto.
Libro viaxeiro
O grupo celebra a Semana do Libro Viaxeiro e abre diferentes puntos onde podes coller ou deixar libros.