Venres. 17.05.2024
El tiempo

O Faro Vilan úne a Costa da Morte co Finisterrae bretón a través da arte

BEIRA A BEIRA - CARTAZ FARO VILAN - A3
O Faro Vilan úne a Costa da Morte co Finisterrae bretón a través da arte

A partir do 1 de maio a sala de exposicións do Faro Vilán acollerá un proxecto de colaboración coa Galería de arte contemporánea Manolo Eirin e o Atelier du Hezo, un taller-galería de arte da Bretaña francesa dirixida por François Jeune. Unha iniciativa para poñer en valor o que todos coñecemos como Finisterre (e que os romanos chamaban anteriormente "finis terrae"), traducido como a fin do mundo.

Así durante todo o mes de maio, en horario de mércores a domingo (10:00 a 14:00 / 15:00 a 18:00) poderase acceder ao único Faro aberto de toda a Costa da Morte para ver esta exposición que toma como referencia o texto de Roger Brunet, “O sentido da distancia". Dende hai tempo as duas galerías de arte desenvolven un proxecto multidisciplinar e internacional de encontro, diálogo e promoción dos artistas de cada un dos seus territorios, as formas de facer e de vivir a arte, con paralelismos pero con diferenzas.

A expo afonda nas particularidades, topográficas e culturais, do Finisterre Francés e o da Costa da Morte, ao que a Galería Manolo Eirin xa promoveu hai cinco anos unha exposición titulada “Costa da morte, Costa da Vida” no seu espazo da rúa Estrella 17 de Carballo (A Coruña). Neste caso, esta exposición no Faro de Vilán é unha presentación, un reflexo de todo o que virá despois. Neste singular espazo expositivo, como é o Faro de Vilán, un dos lugares máis pintorescos da Costa da Morte, a 125 m de altitude, rodeado de acantilados e fortes ondadas, exporán por primeira vez vinte artistas afincados en Galicia e Bretagne ligados intrínsecamente coa paisaxe sociocultural que os rodea. A exposición que podedes ver en Camariñas mostra a interacción no tempo dos artistas e do seu medio natural, cuxa expresión é o seu territorio. Polo que podemos percibir as obras dos artistas participantes como multiples sinais de identidade da sua comunidade.

Os artistas representados nesta exposición son Manuel Facal, Elisabeth Wadecki, Yves Tilly, Eva Antelo, Thierry Le Saec, Peter Kramer, Benedicte Hubert-Darbois, TUSET, Dany Guèble, Vari Caramés, Josée Theillier, Pedro Tasende, Claude Gesvret, Fred Langford Edwards, JPLH, Ruth Vidal, Anne Robic, Elena Matamoro, Jean-François Robic, Manolo Eirin e François Jeune.

Vindeiros pasos

Os seguintes pasos deste ambicioso proxecto lévanos a Bretaña, ao Atelier du Hezo, en representación do Finisterre veciño, que en bretón se traduce espléndidamente como "cabeza do mundo". Unha exposición titulada “CÔTE À CÔTE” viaxará ata alí con artistas afincados en Galicia do 20/07 ao 18/08 de 2024 onde se espera que as formas e procesos inéditos da arte contemporánea galega nos presenten e transformen as distancias coñecidas asumindo riscos e tomando parte. Para rematar, a última das accións proxectadas darase en Carballo no mes de setembro deste ano cunha exposición titulada “BEIRA A BEIRA", onde artistas bretóns aterrarán na Galería Manolo Eirin para presentar a súa visión máis diversa do outro lado do golfo de Vizcaia, promovendo así a creación dunha rede de distancias infinitas onde se perden límites e “centros”, para destacar os lugares “onde pasan as cousas”.

No cartel que acompaña a exposición utilízase unha captura de pantalla de Google Maps dunextremo do Golfo de Vizcaia centrando de igual forma a atención no espazo baleiro que separa e conecta os dous países/comunidades transfonterizas.

Comentarios