Martes. 19.03.2024
El tiempo

Vimianzo repasa a historia do seu Castelo cun simposio

Vimianzo repasa a historia do seu Castelo cun simposio
Simposio_Castelo_Vimianzo_reducido Vimianzo acolle o vernes e o sábado o I simposio "O Castelo de Vimianzo ao longo dos séculos" , organizado polo Concello, e no que participarán ao longo dos dous días distintos expertos na materia. O programa arranca o vernes, día 28, ás 17:00 horas na Casa da Cultura vimiancesa coa entrega da documentación que lle dará paso á inauguración das xornadas e da exposición fotográfica do material achado no foso do castelo tras un derrubamento accidental do muro leste. Xosé María Lema encargarase da conferencia inaugural que leva por título "Introdución á historia do Castelo de Vimianzo" e a continuación Laura Suárez falará sobre "Evaristo Martelo, o poeta do castelo". O primeiro día deste simposio remata cun recital poético na propia fortaleza a partir das 20:00 horas. A segunda xornada deste simposio dividirase en tres bloques. O primeiro deles comeza ás 1o:00 horas e nel distintos relatores falarán sobre a "Historia medieval do castelo de Vimianzo". Entre eles estarán Carlos J. Galbán, Jorge Rouco Collazo, Xosé Ignacio Vilaseco e Carlos Barros Guimeráns. Despois do descanso do mediodía, comezará o II bloque no que se repasará a "Historia do pasado recente no Castelo de Vimianzo: Os sucesos do 36" coas intervencións de Carlos Aymerich, Emilio Grandío Seoane e Bernardo Maíz Vázquez, moderados por Luis Lamela García. No terceiro bloque aboradarase a través dunha mesa redonda "A xestión dun monumento vivo, a xestión dun castelo público" coa intervención de Manuel Antelo Pazos, César Abella e un representante da Deputación da Coruña. Todos eles moderados por Xosé Ameixeras Lavandeira. O simposio rematará no patio da fortaleza cunha homenaxe musical e teatral en "Memoria do 36" da man de Tero Rodríguez e Barahúnda. Durante o simposio degustaranse diferentes produtos locais inspirados no castelo, desde as sobremesas até a gastronomía medieval posta en valor polo concello de Vimianzo e recuperada para a hostalería.

Inscricións

O simposio está aberto a todo tipo de público, desde estudantes, profesorado, a todo tipo de curioso sobre a historia medieval, a memoria histórica, a literatura do Rexurdimento ou a xestión patrimonial. A inscrición é gratuíta e xa se pode realizar a través da páxina web www.vimianzo.gal. Para máis información pódese chamar ao 981 716 001. O Centro de Formación e Recursos da Coruña certifica as horas de asistencia a este simposio para o profesorado.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/un-simposio-sobre-o-castelo-volvera-colocar-vimianzo-como-capital-do-patrimonio/ “O Simposio do Megalitismo reclama máis políticas para coidar o patrimonio” — Que pasa na costa Fonte

Comentarios