Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Unha de cada tres veces que usamos o coche é para percorrer menos de 3 quilómetros

Unha de cada tres veces que usamos o coche é para percorrer menos de 3 quilómetros
Acto aberto de presentacion da estratexia de mobilidade de Carballo Acto aberto de presentación da estratexia de mobilidade de Carballo

Pouca xente para unha cita tan interesante como a presentación pública da estratexia de mellora e xestión do espazo público. Unha xornada aberta celebrada na Biblioteca Rego da Balsa que trataba de involucrar á veciñanza carballesa a participar nesa estratexia, para expresar o seu parecer sobre os problemas que afectan á mobilidade peonil ou ciclista, ao tráfico pesado, aos apartamentos ou á accesibilidade. Unha xornada á que acodiron uns cantos veciños (a xuntanza dos grupos políticos foi pola mañá no Concello), que participaron na exposición de problemas e propuxeron diferentes solucións.

A estratexia deixa unha serie de interesantes conclusións, cratificando o noso uso excesivo do coche, xa que o 31,17% das veces que usamos o coche é para percorrer menos de 3 quilómetros.

Conclusións

A estratexia se basea nun total 351 enquisas telefónicas, das que se desprende un número de 74.349 desprazamentos diarios (2,57 de media por cada residente maior de 15 anos), o 66,19% dos cales realízanse en medios motorizados. Máis do 40% deses movementos son dentro do propio casco urbano, mentres que a comunicación coas parroquias supón case o 30% e co resto da provincia (fundamentalmente A Coruña e, en menor medida, Santiago), un 14%.

A enquisa tamén permitiu refrendar a importancia do mercado dos xoves, pois ese día hai un incremento de tránsito peonil do 72,52% con respecto a calquera outra mañá da semana, ademais de que só pola mañá circulan por Carballo 2.500 vehículos máis que calquera outro día da semana.

Así mesmo, leváronse a cabo aforos de vehículos en sete puntos que se corresponden coas principais vías de acceso e saída do casco urbano, nos que se contabilizaron máis de 60.000 vehículos nun día laborable entre as 08.00 e as 14.00 e as 17.00 e as 21.00 horas.

Máis coche que a pé

O 33% do total dos desprazamentos fanse en coche a pesar das poucas distancias e a orografía favorable, e o 78% teñen unha duración de menos de 10 minutos. Chama a atención que un 36,6% das persoas enquisadas declara que non se move máis a pé “por comodidade”, aínda que a valoración da accesibilidade, a comodidade e o mantemento do viario peonil é boa e acada unha puntuación de 6,5. A hora punta, agás nos días de feira, é de 18.00 a 20.00.

Dentro do transporte non motorizado tamén se inclúe a bicicleta, que ten un uso moi residual, só o 0,77%, e fundamentalmente para ocio e recreo. Sen embargo, a veciñanza valora positivamente o fomento da bicicleta e considera precisas as medidas para que se difunda o seu uso como modo de transporte habitual. <

Polo que respecta ao transporte motorizado, o índice de motorización de Carballo é de 604 vehículos por 1.000 habitantes, superior ao da Coruña e outras cidades, pero na liña do “altísimo índice que hai en toda a comarca”, expuxeron as técnicas responsables do traballo. Usamos o coche para desprazamentos curtos por comodidade e hábito, e nos longos o noso principal destino é Coruña. Nun día laborable medio realízanse na nosa vila 47.451 desprazamentos en vehículo privado, e 11.400 son para distancias inferiores a 3 quilómetros, “que poderían facerse noutros modos máis sustentables”, destacaron. A hora punta coincide coa do tráfico peonil, entre as 19.00 e as 20.00, e as vías máis utilizadas son a AC-552, Gran Vía, Luis Calvo, Avenida de Malpica e Fábrica.

Aparcamentos

Na análise dos aparcamentos conclúese que hai un uso intensivo dos máis próximos ao centro, sobre todo nos días de feira, e que o nivel de máxima ocupación sitúase arredor das 19.00 horas. Nos aparcadoiros disuasorios máis afastados do centro a ocupación máxima é do 60% e acádase os días de feira ao mediodía. Ademais do centro, a zona con máis demanda de prazas é a contorna do colexio Bergantiños e o complexo deportivo Carballo Calero.

Pouco transporte público

Outro medio de transporte residual é o público, que supón o 1,25% dos desprazamentos totais. As persoas enquisadas declararon como causas do escaso uso do autobús que non hai servizo, que a frecuencia é insuficiente ou que os horarios non son axeitados.

Seguridade

Finalmente, o estudo céntrase na seguridade viaria e na accesibilidade como cuestións transversais que se teñen en conta en todas as áreas e que tamén deberán contemplarse á hora de definir as propostas de actuación futuras. Desde o ano 2015 os datos revelan un descenso do número de atropelos moi importante, aínda que o obxectivo é chegar a cero. As vías con máis sinistralidade entre vehículos son avenida de Bértoa, Vázquez de Parga e Gran Vía, e entre vehículos e peóns, Luis Calvo, Cemiterio Vello, Praza de Galicia, Gran Vía e Vázquez de Parga. En canto á mellora da accesibilidade, o obxectivo é continuar na liña iniciada nos últimos anos para eliminar barreiras tanto nos itinerarios peonís como no uso do transporte público ou os aparcamentos.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios