Venres. 29.03.2024
El tiempo

O cego de Mazaricos e a súa zanfona

O cego de Mazaricos e a súa zanfona
Fotografía do zanfoneiro asinada por Pintos, aínda que eu coido que foi realizada por Zagala Fotografía do zanfoneiro asinada por Pintos, aínda que eu coido que foi realizada por Zagala

“Dálle limosna ó cego, dálla se lla queres dar, ten unha espiña no lombo e non se pode dobrar” Popular

O cego que domina plenamente coa súa presenza o encadre fotográfico ten a abstracta mirada dirixida ao alto, quizais procurando inspiración para cantar acompañado polo son afónico da súa zanfona. O rostro aguzado do que sobresae o prominente nariz, está poboado pola barba branca que o asemella aos bardos de pasadas Idades. A cabeza atópase coroada por un chapeu de ala ancha que o abriga do sol e da chuvia. O enfraquecido corpo sobriamente vestido por uns pantalóns, unha camisa e un chaleco; prendas pobres, vellas, remendadas e nas que aparece a lorda por tódalas conxuntas. E a zanfona, outra vez a zanfona, o instrumento que porta e do que vive con austeridade: con unha man dándolle á manivela e coa outra ao teclado, vai derramando por rúas, prazas, feiras e romarías a súa arte. Unha arte que chega dende o tempo dos cancioneiros, dos trobadores e xograres; que ao seu paso polo Camiño de Santiago foran propagando por todo o País un novo xeito de cantar e tamén un novo instrumento, chegados ambos da dourada Francia.

A pesar do seu corpo enxoito, froito de numerosas estreitezas, e da miserenta sucidade da súa consumida indumentaria; a elegancia da súa pose, a serenidade do seu perfil e o coidado co que porta o seu instrumento; enchoupan toda a súa figura de bonhomía, de nobreza e de dignidade; virtudes tantas veces negadas á xente do común.

Esta é a fotografía de Zagala que ilustra o apartado dedicado a Mazaricos na GEOGRAFÍA GENERAL DEL REINO DE GALICIA Esta é a fotografía de Zagala que ilustra o apartado dedicado a Mazaricos na GEOGRAFÍA GENERAL DEL REINO DE GALICIA O cego tocando a zanfona” do pintor francés Georges de la Tour O cego tocando a zanfona” do pintor francés Georges de la Tour

Unha obra fundamental para o coñecemento da Galicia de principios do século pasado é a GEOGRAFÍA GENERAL DEL REINO DE GALICIA, dirixida por F. Carreras Candi e publicada en seis volumes por Alberto Martín no ano 1928. Esta obra, ademais de tratar cuestións xerais que abranguen todo o territorio galego, dedícalle un apartado a cada un dos concellos que o conforman. Pois ben, o texto que trata sobre o Axuntamento de Mazaricos está ilustrado coa fotografía que vimos de describir e que ten a seguinte identificación ao pé: “Mazaricos. Zanfoneiro”.  Esta imaxe pertence ao fotógrafo verinés afincado en Pontevedra Francisco Zagala (1842 – 1908). Está documentada a súa realización no ano 1885 e na actualidade forma parte, con outras do mesmo autor, do arquivo fotográfico do Museo da cidade do Lérez. A maiores desta foto, sacoulle outra de corpo enteiro e coa cabeza algo máis baixa. Calquera das dúas fotografías teñen aparecido noutras publicacións co título de “Ciego de Mazaricos”.

Ademais destas instantáneas tomadas por Zagala, contamos con outras dúas imaxes asinadas por Joaquín Pintos, discípulo do anterior e radicado na mesma Pontevedra. Este último viña sendo neto do grande precursor do REXURDIMENTO GALEGO Xoán Manuel Pintos.

Os retratos dos dous fotógrafos parecen realizados nunha mesma época, case podería dicirse, que son froito dunha mesma sesión. Pero as datas duns e doutros son tan dispares que nos atopamos ante un problema de difícil resolución. Se como dixemos, as imaxes de Zagala son de 1885, as de Pintos é imposible que sexan contemporáneas, pois naceu en 1881. Por outra parte, nalgunhas edicións das fotos do neto do autor de “A Gaita Gallega”, aparecen datadas en 1924, cando Zagala levaba máis de quince anos morto. Temos dúas posibles hipóteses para desenredar este novelo. Unha primeira sería buscar unha data intermedia arredor do ano 1900, cando os dous fotógrafos estaban en activo, para ambos pares de fotos. A outra é máis arriscada. Eu persoalmente coido que tódalas imaxes foron realizadas por Zagala nunha mesma sesión. Pintos, como xa apuntamos, foi discípulo do fotógrafo de Verín, e durante a súa estadía no estudio do mestre puido facerse con algúns orixinais do mesmo, entre eles os do noso protagonista. Anos despois da morte de Zagala publicounos asinados por el.

Esta non é unha práctica descoñecida, eu vin a famosa NAICIÑA de KSADO asinada por Sandini debido a que este último foi o que lle mercou o estudio a Ksado cando, a finais dos anos sesenta do século pasado, se desfixo do mesmo.

Non paran aquí as dúbidas que nos produce esta serie de retratos. Unha das fotos asinada por Pintos na que aparece o zanfoneiro sentado e coa mirada dirixida fixamente ao obxectivo da cámara, faime desconfiar se realmente era cego. As referencias escritas da época decántanse pola invidencia do personaxe e eu vou suspender os meus receos mentres non conte con máis documentación que os confirme.

Boa parte da exposición que segue non tería sentido se as dúbidas apuntadas foran fundadas, pero como por agora esa posibilidade é moi remota, sigo co plan trazado.    

Este retrato asinado por Pintos faime dubidar se o noso protagonista era realmente cego Este retrato asinado por Pintos faime dubidar se o noso protagonista era realmente cego

Pero volvamos á temática destas problemáticas fotografías. Os cegos das clases populares antes da creación da ONCE e, sobre todo, da súa intensa labor para formalos e integralos na vida laboral, tiñan unha existencia chea de dificultades. Se vivían coa familia na que viñeran ao mundo, normalmente eran vistos coma unha carga ao non poder desenvolver a maioría dos traballos do mundo do mar ou da  labranza. Moitos, con ou sen familia, acababan exercendo a mendicidade de porta en porta, nas feiras e nas romarías.

Á hora de pedir esmola había dúas actitudes moi diferentes: unha activa e outra pasiva. Esta última consiste en situarse nun lugar calquera, normalmente moi concorrido, e esperar pola compaixón dadivosa da xente. Pola contra, na actitude activa a persoa que procura o sustento grazas á solidariedade allea, intenta compensar a súa xenerosidade dándolle un servizo a cambio: unha peza musical, unha historia contada, cantada ou recitada,... Para estes cometidos as cegas  e os cegos estaban especialmente dotados: é de coñecemento xeneralizado que cando se perde un sentido, os outros amplían as súas capacidades para, na medida do posible, resolver as carencias derivadas desta falta. Nos cegos a ausencia da vista incrementa outras habilidades: o tacto, o olfacto, o ouvido e a memoria, que non é un sentido, pero é unha facultade que potencia todas as demais.

A tradición infórmanos de multitude de  persoas invidentes que gañaban a vida a conta das súas músicas, cantareas e historias. E aquí entraría este cego de Mazaricos do que non sabemos absolutamente nada máis alá do que poidamos supoñer.

Debíase mover pola cidade de Pontevedra e os seus arredores, pois é nesta poboación onde foi retratado para a posteridade. Os seus contemporáneos estarían ao tanto da súa orixe mazaricá, xa que a súa imaxe e o noso Concello aparecen unidos nalgunhas publicacións. O feito de tratarse dun personaxe singular, representante dun oficio e dunha maneira de vivir que fundía as súas raíces en tempos moi afastados; a súa moi atemporal fotoxenia, que mesmo nos parece saído dun cadro do pintor barroco francés Georges de la Tour; son motivos máis que suficientes para que os fotógrafos o quixeran inmortalizar, maxinando que era un dos últimos representantes dun mundo que non tardaría en desaparecer. É verdade que aquel mundo desapareceu, mais a mendicidade creativa está máis viva que nunca neste acelerado e desigual século XXI.

Portada de “O Berro Seco” de Milladoiro, inspirada nunha das fotos do zanfoneiro Portada de “O Berro Seco” de Milladoiro, inspirada nunha das fotos do zanfoneiro

Máis alá destas fotografías, pero grazas a elas, o cego de Mazaricos seguiu vivo noutros rexistros artísticos. O grupo Milladoiro no ano 1980 escolleu a imaxe do noso protagonista para a portada do seu segundo disco: O Berro Seco. O ilustrador Xosé M. Piñeiro partindo dunha das fotos do cego recreou, seguindo as regras da banda deseñada, unha carauta cargada de elementos simbólicos.

Foi outro artista, Xosé Ramón PAZ ANTÓN: pintor, músico, escritor e político; o que no ano 2002, outra vez, tomando como pretexto as fotos do zanfoneiro, pinta un cadro de aspecto surrealista titulado: “O cego de Mazaricos cando miraba”.

Quizais o noso paisano, dende as instantáneas que hai máis de cen anos nos deixaron constancia da súa existencia, segue mostrándonos cousas daquel mundo no que tantas tradicións, hoxe perdidas, gozaban de plena vitalidade.

  O cego de Mazaricos cando miraba obra do pintor Paz Anto O cego de Mazaricos cando miraba obra do pintor Paz Anto
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outros artigos de Suso Jurjo

Comentarios