Xoves. 16.05.2024
El tiempo

Laxe lembrou que a accesibilidade é unha necesidade de toda a sociedade

Laxe lembrou que a accesibilidade é unha necesidade de toda a sociedade
Charla sobre discapacidade no Museo do Mar de Laxe

Concurrida foi a asistencia do pasado sábado ó Museo do Mar de Laxe, onde se conmemorou o 25 aniversario da Declaración do Día Internacional das Persoas Discapacitadas que se celebra anualmente cada 3 de decembro.

A mesa redonda proposta polo Concello, pretendía chamar a atención sobre aspectos clave da inclusión social das persoas con discapacidade, e ó mesmo tempo abrir un debate no que se falase abertamente das accións públicas e privadas que afectan á integración universal.

Inaugurou o acto Xosé Manuel Pose, Concelleiro de Turismo de Laxe, dicindo que a programación deste mes de decembro está expresamente dirixida a potenciar o turismo arquitectónico para enmarcar a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Agradeceu a presenza dos integrantes da mesa e do numeroso público asistente.

A continuación, Adolfo López, Presidente da Asociación ÍNTEGRO, entrou en materia. Destacou o pouco avance social que hai para facer dos espazos públicos, lugares plenamente accesibles. “Mentres se perde o tempo en falar da accesibilidade sen conseguir resultados, pérdese tamén de avanzar noutros campos igual de importantes, como son a educación sexual, ou o emprego, entre outros moitos-dixo-. Puxo tamén sobre a mesa a existencia, aínda hoxe en día, de comercios e negocios non inclusivos, que discriminan o acceso das persoas con mobilidade reducida e empuxan ó consumir ás grandes zonas comerciais.

Noelia Barreira, Directora da mesma Asociación, afondou nas mesmas ideas e falou tamén da importancia de investir en equipamentos e infraestruturas que sexan válidos para todos, e non específicos para as persoas discapacitadas. “Porque esa diferenciación xa constitúe en si mesma unha discriminación” –puntualizou-.

Claudia Bajo, vocal da Asociación Aloumiños, falou da accesibilidade infantil, e dos escasos espazos públicos que existen adaptados e pensados para incluír tamén ós nenos con mobilidade reducida. “Faltan parques adaptados, e os colexios non teñen plena integración. Soamente pedimos que se nos teña en conta” –apuntou dando voz ó colectivo de nais e pais de Bergantiños-.

Alberto Pereiro, xerente de NEXOTED, S.L., empresa especializada en accesibilidade, aportou a súa visión profesional: “non se pode obviar tampouco que existen propietarios que deseñan as súas casas sen ter en conta aspectos esenciais de accesibilidade, e fano, sabendo que vivirán nesa mesma vivenda trinta, corenta ou cincuenta anos da súa vida”-dixo-. Tamén indicou que a demanda principal de obras e equipamentos accesibles para os fogares se atopa no colectivo de persoas maiores, aludindo á alta taxa de poboación envellecida existente.

Por último, Antonio Corrochano, Arquitecto Técnico do Concello de Laxe, falou de concienciar para que se fagan pequenas actuacións nos espazos públicos que, á larga, serán transformacións integrais dos lugares nos que convivimos.

O público participou activamente no debate posterior, aportando incluso a testemuña das súas propias experiencias persoais e familiares, e dando voz ás dificultades arquitectónicas coas que, lamentablemente, se encontran no seu día a día.

Conclusións

Finalmente, puidéronse extraer as seguintes conclusións da xornada:

  • Cando se fala de accesibilidade non hai que pensar soamente nas persoas que van en cadeiras de rodas. Mulleres embarazadas, persoas maiores, familias con nenos, ou persoas lesionadas temporalmente, son exemplos de que a accesibilidade universal non é cousa duns poucos, afecta a todas as persoas nalgún momento da vida.
  • Os dirixentes políticos teñen que ser, ante todo, exemplarizantes coa súa conducta, e coa implantación de políticas públicas accesibles. Pero tamén teñen a responsabilidade de facer que se cumpra a normativa. Esíxeselles adaptar os recursos xa existentes, e apostar por obras e equipamentos públicos plenamente accesibles.
  • Os “cinco minutos” dunha persoa que aparca nunha praza de discapacitados sen estar autorizada, son tan valiosos como os da persoa si autorizada para usar ese espazo. Ante iso, pídese contundencia total para sancionar duramente a quen non cumpre coas normas de convivencia e aparca nas prazas de discapacitados, beirarrúas, ramplas de acceso, etc.
  • A sensibilización da sociedade é o futuro. Pídese que se invistan esforzos en sensibilizar, desde a infancia e hasta a madurez, como un medio para poder actuar con beneficios a curto, medio e longo prazo.
 

Manifesto de COGAMI co gallo do Día das Persoas con Discapacidade

Este ano a Organización de Nacións Unidas centra as accións do Día das Persoas con Discapacidade na “transformación cara á unha sociedade sustentable e resiliente para todas as persoas”, prometendo na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible “non deixar a ninguén atrás” Dende COGAMI e o seu movemento asociativo mantemos a esperanza de que se producirá o cambio para alcanzar ese mundo inclusivo, na que a diversidade das persoas non sexa un elemento de discriminación, senón, un valor. Estamos día a día traballando de xeito constante neste reto, máis os resultados son demasiado lentos, debido a que o cambio non só depende de nós. Toda a sociedade ten que asumir a súa responsabilidade. Hoxe é o Día Internacional das persoas con discapacidade, e seguimos a ter pendente a adopción de medidas que permitan ao noso colectivo alcanzar esa igualdade real e non sufrir discriminacións. Unha desas necesidades é seguir reivindicando e poñendo sobre a mesa, que a accesibilidade universal é a condición imprescindible para exercer os nosos dereitos. Mañá, 4 de decembro, remata o prazo máximo que establece o Real Decreto Lexislativo 1/2013 de 29 de novembro para adecuar á cidadanía os espazos públicos urbanizados e edificacións, os medios de transporte, as contornas, produtos ou servizos de atención. Os novos xa se teñen que deseñar, proxectar ou reformar conforme as condicións. Isto, non se está cumprindo. As persoas con discapacidade queremos participar en todas as facetas da vida, como calquera outra persoa. É importante que as políticas que se adopten dean respostas e se comprometan coas necesidades das persoas. Deben integrar un cumprimento da normativa ou mellorala dende a perspectiva dos dereitos humanos. No caso de que se incumpra, adoptar medidas sancionadoras. COGAMI e o seu movemento asociativo quere vivir nunha sociedade xusta, igualitaria, participativa e inclusiva, por iso PROPOÑEMOS:
  • Que se cumpra a Lei Xeral dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social.
  • No caso de que non exista cumprimento, queremos un sistema de infraccións e sancións que garanta os dereitos e liberdades das persoas con discapacidade.
  • A necesidade de axilizar os procedementos de valoración do grao de discapacidade e que proporcione unha cobertura xusta e equitativa.
  • A garantía de que se cumpra a Accesibilidade Universal en todos os produtos, contornas, edificacións, bens e servizos, e se aposte polo desenvolvemento da Lei de Accesibilidade de Galicia.
  • Aposta contundente das administracións galegas e entidades locais para garantir o dereito a un traballo digno e en condicións de igualdade para as persoas con discapacidade, dirixindo actuacións que incidan na creación de emprego nas empresas, nas entidades sociais, nas iniciativas da economía social ou de cara ao autoemprego.
  • A efectiva aplicación da lei de contratación pública nas distintas administracións, para que sexa un instrumento efectivo da implantación de políticas sociais, coa aposta nas cláusulas sociais, a reserva de contratos públicos ou a garantía da accesibilidade universal e deseño para todas as persoas nas prescricións técnicas.
  • Apostar pola integración e coordinación das políticas de mobilidade e a accesibilidade, que permitan o uso dos medios de transporte adaptados, que dean resposta ás necesidades de desprazamentos de todas as persoas, especialmente aquelas que viven no rural e en zonas que carecen de infraestruturas inclusivas.
  • Que as nenas e nenos con discapacidade teñan garantido os seus dereitos, mediante unha educación inclusiva e os axustes razoables, apoios e recursos personalizados necesarios e que estes sexan efectivos.
  • Que se adecúe o lecer da infancia e adolescencia das persoas con discapacidade na súa contorna.
  • Que se garanta unha coordinación e atención sociosanitaria integral e axeitada á cada persoa que permita a calidade de vida, autonomía persoal e o mantemento da saúde en prevención de discapacidades. Queremos unha atención social e sanitaria coordinada e accesible, que nos permita tomar decisión sobre a nosa saúde e as nosas vidas.
  • O compromiso e garantía da autonomía persoal e vida independente das persoas con discapacidade, reforzando e mellorando os recursos existentes.

Fonte

 

Comentarios