Dixitalizando o arquivo histórico de Vimianzo
06:24 30/12/17
Marta Rey Lema, Concelleira de Cultura, Manuel Antelo, Alcalde de Vimianzo e Balbina Gándara da empresa Unyata
Nos últimos meses o Concello de Vimianzo ven de realizar un importante traballo de recuperación e preservación de parte da súa documentación histórica a través dun proxecto polo que realizou a dixitalización das actas de plenos de entre os anos 1930 e 1940. Unha nova demostración da recuperación e posta en valor do patrimonio do concello.
O proceso de dixitalización foi realizado pola Consultora Unyata, empresa con sede en Milladoiro, especializada na xestión documental e responsable de diferentes proxectos en arquivos tanto públicos coma privados do país.
Con esta actuación o Concello de Vimianzo colócase na vangarda dos concellos galegos en materia de recuperación do seu patrimonio documental xa que este proxecto pretende ser soamente o inicio dunha estratexia de dixitalización integral do seu arquivo.
Unha década especial
As actas de plenos que se incluíron no proxecto son as correspondentes a 3 volumes con datas comprendidas entre xullo de 1930 e xullo de 1940 e que conteñen información municipal cunha importante interese histórica e que dende este momento xa se atopan en formato dixital a disposición do Concello. Lembran que a década dos 30 do século pasado a época de moita intensidade política coa democratización das institucións coa proclamación da República e co seu derrocamento co golpe militar do ano 36 e os posteriores 40 anos de Ditadura. Recóllese, por exemplo, o acordo da Corporación municipal de Vimianzo para expropiar o Castelo e que pasara a ser propiedade muncipal, tal e como foi durante algúns días a finais de xullo de 1936 até que as forzas sublevadas depuxeron ao goberno democratico municipal. Proximamente a información farase pública a través da rede, para o uso e disfrute de afeccionados, especialistas e profesionais.Fonte
- Vimianzo.