Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Carballo prepárase para a Semana da Mobilidade coa instalación de 20 novos aparcabicis

Carballo prepárase para a Semana da Mobilidade coa instalación de 20 novos aparcabicis
aparcabicis-carballo Os novos aparcabicis están en distintos espazos públicos como o complexo deportivo Vila de Noia A concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana comezou a instalación de 20 novos aparcabicis en distintos edificios e espazos públicos. O obxectivo do departamento que dirixe Milagros Lantes é que, ademais dos existentes en diferentes rúas, coma a Valle-Inclán ou a avenida das Flores, os aparcabicis estean a disposición da veciñanza en todos os edificios municipais do casco urbano e contribúan a facilitar o uso da bicicleta, sobre todo, nos desprazamentos pola vila. Edificios coma a Biblioteca Rego da Balsa, a casa do Concello ou o Fórum Carballo contaban xa con este servizo, que agora estenderase ao Pazo da Cultura e o antigo ambulatorio (sede dos servizos sociais), aos parques do Chorís, San Cristovo e Rego da Balsa, e aos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia, así coma aos tres campos de fútbol municipais: As Eiroas (Bértoa), O Carral (Sofán) e As Pedreiras (Berdillo). O modelo deseñouse no taller de soldadura do Fórum, exclusivo de Carballo, personalizado e que conta co aval de persoas afeccionadas ao ciclismo. Obras na rúa Sol obras-rua-sol-carballo Os traballos baixo terra que se están a realizar na rúa Sol está a piques de rematar Por outra parte, a instalación dos servizos urbanísticos na rúa Sol está case lista, polo que moi pronto comezarán os traballos en superficie, como puido comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, durante unha visita que realizou ás obras acompañado por Milagros Lantes e Marcos Trigo. Os traballos realizados baixo terra permitiron constatar o mal estado de algunhas canalizacións e a necesidade de renovalas, tal como está previsto no proxecto. Os principais problemas afectaban ás redes de augas residuais e pluviais, esta última construída de fibrocemento, sobre todo na zona da rotonda. Pero a actuación que está a executar a empresa construcciones Ramón Vázquez y Reino tamén inclúe novas tubaxes para o soterramento da liña eléctrica e o alumeado público, cable ou mellora das redes de telefonía ou do abastecemento de auga. Ademais de modernizar os servizos, en moitos casos obsoletos, o proxecto cun investimento de 291.973 euros, permitirá mellorar a accesibilidade ao longo dos 214 metros de rúa, desde Martín Herrera ata a glorieta. A rúa do Sol será, antes de que acabe o ano, de plataforma única con distintos pavimentos segundo o tipo de uso. Deste xeito, nas zonas peonís a ámbalas marxes da rúa utilizarase granito coma o da Martín Herrera. Este material tamén se manterá para a zona de circulación ata o cruce coa Gran Vía, pero a partir de aí e ata a rotonda será de formigón, coma a rúa Ponte. Na zona da rotonda a actuación estenderase ata a rúa Vila de Negreira, incorporando o cruce coa rúa Oriente e dando lugar así a unha pequena praza xunto ao primeiro mural do proxecto Derrubando Muros con Pintura. Neste espazo utilizarase o granito e haberá unha zona de soleira, ademais de bancos e vexetación. Esta actuación inclúe a renovación de todos os acabados e o mobiliario urbano, así coma a incorporación de árbores e xardinería. Fonte

Comentarios