Luns. 20.05.2024
El tiempo

Mazaricos, Muxía e Vimianzo tampouco faltan á FITUR

Mazaricos na fitur 2
A expedición mazaricá na pasada edición da FITUR
Mazaricos, Muxía e Vimianzo tampouco faltan á FITUR

Numerosa presencia costeira nunha Feira Internacional de Turismo que arrinca hoxe en Madrid. A Deputación presentará o seu proxecto Os Fogóns do Anllóns; Solpor levará a campaña Un mar de grazas, mentres a CMAT recibirá o selo de Destino Starligh para fachendear do noso ceo; e a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra a Muxía levará presentación de “Até o fin. O Camiño de Santiago acaba no mar”.

Percebe da Barca

Tamén haberá presencia municipal. A Asociación de Percebes da Barca levará a súa riqueza gastronómica e fará un showcooking para poñer en valor a súa marca Tesouro do Atlántico.

A MZ

E quen tampouco faltará será Mazaricos. O alcalde, Juan Blanco, encabeza unha delegación na que tamén participará o concelleiro de Turismo, Jorge Sanmartín, e membros da asociación de hostaleiros de Mazaricos. Os representantes mazaricáns establecerán contactos en Madrid con distintos bloggers e profesionais especializados en promoción turística, estando prevista a sinatura de varios acordos neste sentido.
Ademais, o Concello de Mazaricos presentará nas súas redes sociais un vídeo de promoción turística local, onde se salienta o espírito rural e acolledor de Mazaricos.

Por outra banda, a delegación mazaricá participará en varias presentacións promovidas por entidades turísticas galegas e do ámbito da Costa da Morte. Así, o mércores 18 asistirán a presentación de “Fervenzas de Galicia, poema visual”, organizado por Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia, onde se inclúen dúas fervenzas mazaricás.

Vimianzo

Monica Rodriguez Vimianzo FITUR 2022
Mónica Rodríguez na edición do ano pasado

O Concello de Vimianzo terá o seu momento o xoves, ás 18:30 horas, cando a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, presentará no stand de TURESPAÑA unha peza audiovisual con enclaves únicos situados ao longo das 14 parroquias do municipio.
Seguindo a liña temporal e a pegada do ser humano nos diferentes elementos naturais e arquitectónicos como fío condutor, no vídeo o público poderá divisar lugares especialmente significativos para a veciñanza de Vimianzo e da comarca da Costa da Morte como son os Penedos de Pasarela e Traba; os cabalos salvaxes que dan vida ao Monte Faro; o dolmen da Pedra da Arca, enmarcado nas pegadas do megalitismo na bisbarra; o castro das Barreiras; os Batáns do Mosquetín; o cruceiro de Cheis, sobre o que ademais se está levando a cabo unha investigación para saber se é o máis antigo de Galicia; o Castelo, cuxa festa foi declarada o pasado ano como de Interese Turístico de Galicia; a tradicional Fagía de Carnés e o lugar de Cereixo, coa súa igrexa e a importancia da Translatio para, finalmente, volver aos Penedos durante o solpor, despedindo unha xornada entre a esencia da Costa da Morte: terra, mar e historia.
 

Máis novas de turismo

Comentarios