Domingo. 19.05.2024
El tiempo

O achádego dun foxo na Croa do Castro abre o camiño a novas excavacións

Presentacion do proxecto da Croa do Castro
O achádego dun foxo na Croa do Castro abre o camiño a novas excavacións

“Os resultados dan conta de que hai que facer algo, e o Concello imos apostar por aí”. Así comezaba a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro a presentación este pasado sábado no Centro de Artesanía e Tradición de Buño, dos resultados da última prospección arqueolóxica co xeorrádar na Croa do Castro de Cerqueda.

Foi o arqueólogo Antón Fernández Malde o que debullou as principais conclusións durante máis dunha hora, deixando claro que este proxecto de arqueoloxía social, impulsado no seu día pola veciñanza, ten moito camiño por recorrer agora co Concello tomando o mando do proxecto. En calquera caso, o salón de actos do CAT ateigouse, o que explica moi ben o interese da veciñanza para co proxecto.

Fernández Malde fixo fincapé no achádego da existencia dun foxo interior dentro dunha croa “un feito pouco habitual”, o que pode descubrir un recinto anterior ao que xa se coñecía, dando conta da súa posterior ampliación.

Tamén deron conta da existencia dunhas estruturas habitacionais e mesmo descubriron onde está a entrada ao castro.

Parece que o proxecto vai polo bo camiño e semella que o Concello e as entidades sociais seguirán apurando para continuar os traballos arqueolóxicos. De feito, dende o Concello aseguran xa estar en contacto coa Xunta para prepara o seguinte: xa toca excavar.

Máis novas da Croa do Castro

Comentarios