Venres. 17.05.2024
El tiempo

A Carta de Juan Francisco Martínez á veciñanza de Fisterra

  • O asesor de Alternativa dos Veciños de Fisterra, Juan Francisco Martínez, escribe esta carta aberta á veciñanza tras unha acusacións publicadas hoxe na prensa.
Juan Francisco Martinez Asesor Alternativa Fisterra
Juan Francisco Martínez, Asesor do grupo Alternativa dos Veciños de Fisterra
A Carta de Juan Francisco Martínez á veciñanza de Fisterra

Carta á veciñanza de Fisterra:

Non adoito atender nin saír ao paso de noticias e publicacións que se difunden sobre a miña persoa e que son totalmente falsas. Pero, esta vez, considero que é necesario aclarar algunhas cousas para que ninguén poida tratar de enganar ou de confundir aos veciños e veciñas de Fisterra.

Como xa expliquei noutras ocasións, cando trouxen a formación política Alternativa dos Veciños a Fisterra, sabía ao que me expoñía, tanto eu como a miña familia. Sabía perfectamente, que tanto durante a campaña coma se logo conseguiamos chegar ao Goberno, iamos recibir todo tipo de ataques por parte daqueles que durante décadas fixeron e desfixeron ao seu antollo, sen respectar nin cumprir as leis. Sabía, sabiamos, que farían todo o posible para tentar impedir que puidésemos levantar as alfombras, varrer o po e encher de aire fresco a vida política de Fisterra. Pero asumímolo e seguirémolo asumindo no futuro, xa que os fisterráns e as fisterrás merecen un municipio libre das ataduras e dos intereses particulares duns cantos. Épor isto, que nin nada nin ninguén poderá impedir que revertamos as decisións erróneas e as malas políticas que se desenvolveron durante décadas e, que tanto dano causáronlle ao municipio e aos veciños de Fisterra.

Para que saibades a realidade e coñezades a situación, como responsable de Alternativa dos Veciños no municipio de Fisterra e como Asesor do Grupo Provincial
de Alternativa na Deputación da Coruña, quérovos explicar o seguinte:

Cando chegamos ao Goberno Municipal puidemos corroborar -que tal e como xa nos supoñiamos e en boa medida xa sabiamos- a delicada e grave situación na que se atopaba o Concello en moitos dos ámbitos que compoñen unha administración local.
Situación irregular do Servizo de Urbanismo, cun arquitecto contratado mediante un procedemento totalmente ilegal, o cal pode corroborar todo cidadán e cidadá que o desexe. E, ademais da ilegalidade na contratación, tamén hai que sumarlle o irregular proceder e funcionamento neste servizo, onde o técnico contratado ilegalmente era quen desenvolvía e xestionaba todo o relacionado co urbanismo municipal: elaboración de proxectos, redacción do Plan Xeral e do Plan do Casco histórico, direccións de obras, modificación puntual do Plan Xeral, etc. Ao mesmo tempo, era este mesmo técnico o que informaba os traballos realizados por el mesmo ou por unha empresa da súa propiedade. O que vén sendo un auténtico escándalo!

Tamén poderiamos entrar nas numerosas e cuantiosas modificacións orzamentarias na gran maioría de proxectos de obras que el mesmo redactaba. Pero, esa explicación, daría para redactar outra extensa carta, e é por iso, que o explicarei noutro momento.
Non menos grave é a situación que nos atopamos en todos os contratos maiores de servizos e subministros, onde a gran maioría levan moitos anos en situación de precariedade, algún con máis dunha década en situación irregular, e outros, por defecto na forma e no fondo, son contratos irregulares ou ilegais.

Por suposto, existen outras moitas situacións e circunstancias que son irregulares e que tamén é necesario e urxente proceder a regularizalas. Pero, despois desta exposición sobre a situación interna, quero dar paso a explicar e a aclarar aquilo do que se me acusa falsamente, sen ningún tipo de proba ou fundamento. Unhas acusacións, ataques, calumnias e difamacións que teñen como único obxectivo tratar de tapar e de desviar a atención sobre as situacións que expuxen anteriormente.

Acúsaseme falsamente de querer cambiar o arquitecto que prestaba os servizos urbanísticos no concello utilizando -co obxectivo de tratar de ocultar e desviar a ilegalidade na súa contratación- que no seu momento iniciei a tramitación de solicitude dunha licenza para desenvolver un proxecto e a cal se me denegou. E, aínda sen ter ningunha obrigación de facelo, vou explicar sobre este procedemento para aclarar calquera tipo de dúbida respecto diso:
A licenza en cuestión, á cal se fai referencia e utilízase de modo malicioso e interesado, foi solicitada no ano 2021, contando con todos os informes sectoriais favorables. Esi, denegóuseme esta licenza por unha cuestión de interpretación do regulamento da lei do solo de Galicia. E, naquel momento, atendendo ao meu recurso, o concello solicitou un informe xurídico que non resultou ser máis que un "copia e pega" do informe do arquitecto que prestaba os servizos de urbanismo no concello e, por tanto, o informe foi desfavorable e non se me concedeu licenza de obra. Logo, atendendo a outro recurso presentado por min, o concello volveu solicitar un segundo informe xurídico a outra empresa, no que se determinaba claramente que se que se debía conceder licenza directa. Pois ben, aínda así, co informe xurídico favorable, decidín non continuar coa tramitación da licenza porque xa estabamos no Goberno e, atendendo a que eu son responsable e asesor da formación política que Goberna en Fisterra, considerei que o mellor era arquivar o expediente e non continuar a súa tramitación. Tamén cabe destacar, que renunciei a unha subvención concedida de corenta mil euros para o desenvolvemento do citado proxecto. Un proxecto, que previa obtención de licenza tiña todo o dereito a desenvolver, pero, que por ética e con intención de evitar ataques cara á miña persoa e cara á miña familia, decidín non continuar coa súa tramitación e desenvolvemento.

Gustaríame saber cantas persoas coñecedes, que diante dunha situación igual ou similar, actuasen da mesma forma na que eu o fixen.
E, de paso, tamén aproveito para aclarar e anunciar, que nin estou a tramitar ningunha licenza de proxecto produtivo nin tampouco o vou a facer mentres a formación política á que pertenzo sexa Goberno.

Doutra banda, tamén quero aclarar sobre as falsas acusacións vertidas sobre supostos intereses meus na modificación do Plan Xeral. Quero deixar claro que non teño ningún tipo de interese persoal no Plan Xeral, nin o teño nin o tiven, nin eu nin ninguén da miña familia. O meu único interese é salvagardar o interese xeral do municipio e da veciñanza de Fisterra. Estas acusacións non teñen ningunha credibilidade, xa que carecen de base ou de fundamento algún, moito máis se cabe, cando non posúo ningunha parcela que puidese ser recalificada. As únicas parcelas que posúo son solo rústico de uso agrario e que por tipoloxía e localización nunca poderían ser recalificadas. Nin eu nin ninguén da miña familia pretende recalificar ningún solo.

E, por último, tamén quero saír ao paso das mentiras vertidas sobre unha suposta expulsión miña do Partido Socialista. No meu paso polo PSOE unicamente ostentei un cargo nun órgano da Executiva Nacional, na Comisión de Control Económico, do cal, no seu momento, presentei a miña dimisión por motivos persoais. Sempre contei co apoio de todo o partido para continuar, tamén do que naquel entón era o Secretario Xeral e dos que eran os meus compañeiros e compañeiras na citada Comisión.
Nunca na miña vida fun expulsado de sitio algún, nin tan sequera expulsáronme durante un partido cando xogaba ao fútbol. Nunca.

Para finalizar esta carta, dicirvos, que se alguén necesita corroborar os datos ou a información exposta na mesma, pode facelo solicitándoo formalmente na administración pertinente, tal e como debemos e temos que facer todos os cidadáns cando necesitamos ou queremos consultar algo. E, se alguén ten algún tipo de dúbida, sempre ten a posibilidade de tomar as medidas que considere oportunas. Se nalgún momento a Xustiza requíreme, colaborarei en todo o que sexa necesario. Estou moi tranquilo, xa que son unha persoa honrada e totalmente transparente.

Eu non necesito parar e reflexionar. Teño máis forza que nunca para continuar cumprindo, xunto cos meus compañeiros e compañeiras, o compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Fisterra.
Nin nada nin ninguén me poderá parar.

  • Juan Francisco Martínez.

Comentarios