Venres. 17.05.2024
El tiempo

Tania Vieites, xa docente na Complutense, analiza nun estudo os prexuízos cara ás persoas maiores

Tania Vieites formadora na plataforma Kumubox
A ceense Tania Vieites tamén é formadora na plataforma Kumubox
Tania Vieites, xa docente na Complutense, analiza nun estudo os prexuízos cara ás persoas maiores

Hai apenas un par de anos recibía o seu Cum Laude pola súa tese de investigación no eido da psicoloxía. Hoxe, a ceense Tania Vieites xa é docente na Universidad Complutense de Madrid, todo un fito.

A día de hoxe forma parte do Departamento de Investigación e Psicoloxía en Educación da Facultade de Psicología da universidade madrileña e está a realizar, xunto a unha compañeira da Universidade da Coruña, Isabel Piñeiro, unha investigación sobre a actitude discriminaroria e os prexuízos cara as persoas maiores.

O estudo, artellado polo o alumnado da materia Intervención psicoeducativa con persoas maiores do Máster en Psicoloxía do Envellecemento, Benestar e Calidade de Vida, que imparte Vieites, analiza como a sociedade se comporta coas persoas maiores de 65 anos, que representan máis do 20% da poboación total en moitos países, especialmente nos occidentais. Para iso busca a colaboración da cidadanía costeira a través desta enquisa que podedes cubrir xa aquí, para afondar nos estereotipos negativos e actitudes discriminatorias que padecemos moitos de nós.

“A vellez considérase un período de inevitable fraxilidade e diminución da capacidade, tratando a todas as persoas maiores como un colectivo homoxéneo e necesitado de coidados, o que implica un gasto sanitario e social e mesmo un obstáculo para o crecemento económico. Esta visión estereotipada das persoas a medida que envellecemos, que, entre outras cousas, ignora as enormes diferenzas interindividuais, foi descrita como idadeismo”, explican. ”Ás veces, esta discriminación é sutil, “situada” en prácticas culturais, políticas e económicas normalizadas. De feito, esta discriminación non sempre se exerce mediante actitudes ou comportamentos negativos, senón que tamén se fai mediante comportamentos sobreprotectores ou benévolos”, puntualiza.

Os resultados deste estudo serán esenciais para informar as futuras políticas, programas e campañas destinadas a loitar contra o idade e promover unha cultura de respecto e aprecio polas persoas maiores, tendo en conta que o Informe Global sobre a Discriminación por Idade, publicado pola OMS (2021), advertiu de que a discriminación por idade leva a peor saúde, illamento social, mortes temperás e custa ás economías miles de millóns de dólares.

Pincha aquí para responder o cuestionario

Cuestionario maiores

Máis novas

Comentarios