Luns. 20.05.2024
El tiempo

Un Paso Máis leva a inclusión polos coles

  • A Agrupación organiza a "I Xornada Formativa: A inclusión socioeducativa”, que se analizará a problemática da TEA no Fórum de Carballo o vindeiro sábado 25 de maio.
Un paso mais diversidade e accesibilidade no Colexio de Razo
Un Paso Máis leva a inclusión polos coles

Momento de máxima actividade do equipo da Agrupación Un Paso Mais”. Coñecíamos a semana pasada a súa visita aos Cines Carballo, e esta anda xa levando a súa caravana da inclusión polos coles carballeses.

O pasado martes 7 de maio, levaron as súas actividades ata o colexio Nétoma-Razo, nunha xornada que quedará gravada na memoria de todos os participantes. Todos os nenos do centro, de todos os niveis, tiveron a oportunidade de disfrutar dunha xornada de deporte adaptado. A través de diversas actividades e xogos, os estudantes aprenderon que, aínda que todos somos diferentes, tamén somos iguais.

A xornada estivo chea de risas, aprendizaxe e, sobre todo, inclusión. Os nenos puideron experimentar en primeira persoa como é practicar deporte adaptado, rompendo barreiras e prexuízos, e fomentando o respecto e a empatía cara ás persoas con discapacidade.

Un paso mais no Colexio de Razo

“Esta experiencia foi inesquecible para todos”, dixo un portavoz de Un Paso Mais. “É marabilloso ver como os nenos se divirten mentres aprenden unha lección tan importante. Todos somos iguais e diferentes á vez, e iso é o que fai que o mundo sexa tan especial”.

Un Paso Mais espera que esta xornada deixe unha pegada duradeira nos nenos e que continúen levando a mensaxe de inclusión e respecto no seu día a día. Ademais, a Agrupación tamén quere agradecer á dirección, o equipo directivo, e a todas as docentes por ter participado tan activamente da xornada, facendo que todo resultase non só fácil, senón tamén moi agradable.

A próxima parada será no CEIP Bergantiños, nunha data próxima pero aínda por determinar.

Xornada formativa

A Agrupación organiza a "I Xornada Formativa: A inclusión socioeducativa”, que se desenvolverá no Fórum de Carballo o sábado 25 de maio.

Estas xornadas son prácticas e están deseñadas para ser un espazo de aprendizaxe e intercambio de ideas. Ademais das ponencias, imos ter unha mesa redonda e, xa na sesión de tarde, numerosos talleres prácticos.

A actividade é de balde gracias á colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Carballo. Ademais, para aqueles que o soliciten, haberá un servizo de canguraxe proporcionado pola Concellaría de Igualdade. Cómpre inscribirse en [email protected].

Xornada formacion TEA Un paso mais

Máis novas

Comentarios