Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Esixen o pago inmediato das axudas ás mariscadoras de Camariñas

Encontro mariscadoras Camariñas
Encontro do grupo do BNG coas mariscadoras Camariñas
Esixen o pago inmediato das axudas ás mariscadoras de Camariñas

O BNG, a través do deputado na Costa da Morte, Oscar Insua, vén de impulsar unha iniciativa no Parlamento Galego na que solicita á Xunta de Galiza que realice “o pago inmediato” das axudas aos maricadores e mariscadoras de a pé e embarcacións con permex de Camariñas que aínda non percibiron os importes das axudas polo parón de actividade na ría camariñá, así como proporcionar este ano á Confraría da localidade a semente necesaria para repoboar e recuperar os seus bancos marisqueiros.

O deputado nacionalista tamén quere que o Parlamento inste ao goberno galego a que cree novas liñas de axuda “para cubrir economicamente de xeito urxente ás máis de 100 persoas dependentes do marisqueo na Confraría de Camariñas para poder levar a cabo os traballos de rexeneración dos seus bancos marisqueiros e para recuperar a súa actividade e o nivel de ingresos que conleva”.

Oscar Insua denunciou que “aínda hai 15 mariscadoras de a pé e 21 embarcacións que non cobraron a axuda publicada en plena campaña electoral”, e considera que a actitude do PP “é inmoral e mesquiña, pois foi necesario a presentación da nosa iniciativa para que empezaran a cobrar algunas mariscadoras a semana pasada, despois de tres meses agardando”. Insua lembrou que desde o BNG seguen instando á Consellería “a resolver e darlle canto antes as axudas ás mariscadoras de Camariñas que quedan pendentes de cobrar”.
 

Comentarios