Venres. 29.03.2024
El tiempo

A revista Nalgures afonda na historia da igrexia parroquial de Muxía e na orixe dos seus apelidos

A revista Nalgures afonda na historia da igrexia parroquial de Muxía e na orixe dos seus apelidos
Revista NALGURES-XIII- No último número editado, o XIII, da revista "Nalgures" da Asociación de Estudios Históricos de Galicia, José Enrique Benlloch del Río publica un novo artigo sobre a historia de Muxía, no que se centra na igrexa parroquial de Santa María e nos antigos apelidos da vila. Neste artigo faise unha descrición detallada da parroquial muxiá e desbótase unha vinculación da vila co mosteiro de Carracedo en León. Tal teoría, que rexurdiu en diversas ocasións ao longo do tempo sen estar suficientemente xustificada, remóntase a un comentario de Salvador G. de Pruneda nun artigo de 1908. Da lectura directa que fixo José Enrique Benlloch da bula do papa Inocencio III en 1203, a cal supostamente sustentaría esa vinculación, descarta siquera que se fale de Muxía. A frecuentemente citada transcrición desa bula realizada polo Padre Yepes en 1615 tampouco serve para refrendar a tese. O artigo de Benlloch desmonta minuciosamente todos os ángulos da inxustificada alusión a Carracedo. O máis sorprendente da persistencia dese mito é que por antigüidade sería mesmo irrelevante, desde o momento en que Muxía conta cunha referencia -esta si contrastada- moi anterior ao inicio do século XIII. En concreto remontámonos ao 1176, ano dun documento polo cal Fernando II, rei de Galicia e León, lle concede os dereitos sobre o porto de Muxía ao abade do mosteiro de Sobrado dos Monxes. O segundo obxectivo da investigación é dar conta de cales libros da propia Santa María se conservan no compostelán Arquivo Histórico Diocesano, e que conceptos e períodos temporais abranguen. Por último faise un estudo de numerosos apelidos muxiáns, especialmente centrado nos séculos XVII e XVIII. Analízanse unha trintena de nomes de familia en clave local e vese se perviven hoxe e en cales municipios. Fálase dos Antelo, Currás, Haz, Sambade ou Toba, entre outros. Estúdanse tamén as árbores xenealóxicas de tres casas muxiás: os Ballón e os Broz de Castro no s. XVI e os Roa nos s. XVIII-XIX. Lateral sur igrexa parroquial de Santa Maria de Muxia Lateral sur igrexa parroquial de Santa Maria de Muxia
  • Asdo: José Enrique Benlloch del Río e Kike Benlloch Castiñeira.

Máis información

Artigos dos Benlloch

Outros artigos de interese

Fonte

Comentarios