Domingo. 19.05.2024
El tiempo

Que pasa no Brasil?

Que pasa no Brasil?
Chegouno esta semana un interesantísimo artigo dunha veciña de Lira residente no Brasil. Lucía Sande é lectora de galego no Rio de Janeiro, e ultimamente anda enfadada pola información que sae nos medios de comunicación españois sobre a realidade brasiñeira. Por iso, quere compartir cos lectores de QPC este artigo sobre os ministros nomeados polo presidente en funcións Michel Temer, que, por suposto, temos a honra de publicar.  

Que pasa no Brasil?

Brazil's Vice President Michel Temer (3rd R) holds a folder with a document notifying him of becoming the interim president after the Brazilian Senate voted to impeach President Dilma Rousseff, at his Jaburu Palace official residence in Brasilia, Brasil, May 12, 2016. Marcos Correa/Courtesy of Brazil's Vice Presidency/Handout via ReutersATTENTION EDITORS - THIS IMAGE WAS PROVIDED BY A THIRD PARTY. EDITORIAL USE ONLY. Michel Temer e os seus novos ministros - Foto-Peru21 Saín de Lira hai cousa dun mes con dirección Río de Xaneiro. Ao chegar encontreime cun país rico e diverso que atravesa unha difícil situación política. As novas que eu coñecía antes de chegar, grazas aos medios de comunicación españois, falaban da traizón do antigo presidente Lula, dos casos de corrupción do seu partido e dos crimes cometidos por Dilma (a presidenta electa en 2015 pola maioría do pobo brasileiro). A día de hoxe aínda non sei que pensar sobre o proceso de impeachment que tiña como obxectivo afastar a Dilma Rousseff do poder sen ter cometido (ou polo menos sen que se demostrasen) crimes de responsabilidade, requisito constitucional para que se poña en marcha un proceso deste tipo. Non sei nada de política, nin da lei brasileira, pero a medida que unha comeza a preguntar e a ler sobre o tema todo empeza a cheirar a montaxe, ilegalidade e, porque non dicilo: a golpe de estado. Mais sobre esta cuestión preferiría non mollarme, sobre todo porque carezo de información suficiente. Limítome a tirar a pedra, e quen teña interese que faga unha labor de investigación máis alá dos grandes medios de comunicación. Ao mellor, levades unha ingrata sorpresa. Sobre o que si me gustaría falarvos aquí e sobre as persoas que viñeron a substituír ao lexítimo goberno da presidenta Dilma Rousseff. O PMDB é un partido frecuentemente descrito como “moderado” por ter pactado co PT (partido de Lula e Dilma). Este partido non adoita presentar candidatos as eleccións presidenciais porque o seu obxectivo e posicionarse ao lado do sol que máis quente, podendo así defender dende o poder os intereses dos grandes propietarios agrarios. Os novos membros do goberno de Michel Temer, do PMDB, caciques rexionais do país, teñen varias características en común: todos son homes (por primeira vez dende 1979 non hai ningunha muller), todos son brancos (nun país no que o 51% da poboación se define como negra ou mulata) e todos andan arredor dos sesenta anos de idade.
  • O ministro de Agricultura, Blairo Maggi, é dono da maior produtora de soia do mundo, o maior empresario agrario do país e inimigo declarado dos ecoloxistas.
  • Como ministro de Deporte nomeouse a un empresario que participou nas obras dos Xogos Olímpicos.
  • O ministro de Educación está implicado no caso Lava Jato (maior caso de corrupción que se investiga actualmente no Brasil) como receptor de subornos.
  • O ministro de Xustiza foi avogado do, ata fai pouco, presidente da cámara dos deputados, Eduardo Cunha. Este home tivo que abandonar o cargo por estar imputado en multitude de casos e corrupción, e ademais, foi un dos principais impulsores da destitución da presidenta Rousseff.
  • A carteira de Ciencia ía ser, como xa se tiña anunciado, para Marcos Pereira, deputado e bispo evanxélico que se confesa creacionista, mais no último momento Temer debeu pensar que sería un problema de cara ao exterior e doulle o ministerio de Industria.
  • O misnisterio de Ciencia desapareceu e pasou a englobarse no de comunicacións.
  • O ministro de Sanidade, Ricardo Barros, declarou recentemente ao ser preguntado por un medicamento que supostamente cura o cáncer e que está moi estendido no país que “a fe move montañas”. Que lle pida moito a Deus para que acabe entón coas epidemias do dengue e do zica que asolagan o Brasil.
E así están as cousas polo de agora. Este é o novo goberno que convence aos mercados e que acabará definitivamente coa corrupción do Brasil. Amén.
  • Lucía Sande, natural de Lira, Carnota e lectora de galego no Rio de Janeiro.
 

Fonte

Comentarios