Martes. 19.03.2024
El tiempo

O Cine Vello da Picota

O Cine Vello da Picota
O Cine vello da Picota O Cine vello da Picota Como nos gusta lembrar aquelas vellas historias que contan os nosos sabios. Un deses é Suso Jurjo, que está a recuperar lembranzas do pobo mazaricán. Desta volta lévanos ao cine, ao Cine vello da Picota.

O Cine da Picota

“Menganiña de Zutano anda no aire e no vento e Manoliño do Cine non lle sal do pensamento.” Esta cantarea e outras parecidas, ensinábamas meu tío Domingo do Ghapito da Picota para que eu as cantase diante dos interesados alá polo ano 1969. Costumes daqueles tempos, cando os adultos se valían da inocencia dos rapaces para botar unhas risas a conta da reacción dos nomeados na cantarea. Eludo dar o nome da protagonista feminina porque está entre nós, Deus a garde moitos anos, e pódelle parecer mal. En todo caso, a composición púñalle letra e música a unha paixón amorosa, con paternidade/maternidade incluída, moi comentada por aqueles anos. Como podedes supor Manolo do Cine non era ningunha estrela da gran pantalla, pero algo tiña que ver con elas. Manuel Varela, que así se chamaba, era o operador do cine da Picota. Máis adiante volveremos sobre este personaxe, porque hoxe queremos falar do Cine da Picota. Para facelo témonos que retrotraer algúns anos máis atrás. Cando os veciños de Atán decidiron repartir o Monte do Sino da Picota, alá polo ano 1927; que ata esas data posuíran de maneira mancomunada, o daquela párroco de Mazaricos, D. José Pazos Liñares, impuxo o dereito da parroquia a participar no mencionado reparto. Dende que no século XIX o estado incautara e poxara aos mellores ofertantes parte dos terreos do igrexario, o cura de Mazaricos quedara sen monte onde apañar toxos para o cabalo, por aqueles días imprescindible para a correcta administración do seu ministerio. Este foi o argumento que esgrimiu D. José diante dos veciños de Atán para facerse coa mellor parcela do lote: vinte ferrados fronte aos seis que lle tocaron a cada unha das casas do antedito lugar. Non sei os toxos que apañarían na tal parcela pero, andando o tempo, parte do terreo serviría para outros fins moi diferentes. Antonio Fidalgo Lugo, cura de Mazaricoscura de Mazaricos O párroco Antonio Fidalgo Lugo, foi un dos grandes promotores En maio do ano 1957, o cura de Mazaricos e Corzón D. Antonio Fidalgo Lugo (Carballo 1910 – 1998), tramitaba nas oficinas municipais a licenza de construción dun CINEMATÓGRAFO nunha porción da finca que a parroquia posuía no Monte Sino, e con fronte a estrada principal. A concesión da licenza non se fixo esperar, era aprobada o 15 de maio do mesmo ano. O proxecto que no seu día presentara o promotor, asinado polo arquitecto Jacobo Rodríguez Losada, infórmanos de que o inmoble contaría con 180 localidades, unha superficie de 194,36 metros cadrados, unha altura de 5,80 metros, e un custe de 115.449 pesetas. O edificio, de forma rectangular, estaba dividido en dous espazos basicamente: o vestíbulo sobre o que se atopaba a cabina de proxección, e a sala. Os aseos estaban proxectados debaixo da pantalla, pero coido que nunca se chegaron a construír nin alí nin noutro lado. No vestíbulo, ademais do despacho de venda de localidades, había un pequeno posto de bebidas e lambetadas. A fachada dunha grande austeridade, non carecía de certa graza reflectida na distribución dos ocos, no tratamento de variadas rugosidades dado á superficie parietal, e na marquesiña que realzaba a zona de ingreso, tan característica deste tipo de construcións. Todos estes elementos daban como resultado unha fachada de gusto racionalista, un estilo que tivera unha intensa vida nos anos vinte e trinta do século XX. Este programa decorativo non se materializou na súa totalidade: a grande ventá central foi substituída por tres ocos de morfoloxía totalmente convencional, e as franxas de diferente rugosidade que lle imprimían dinamismo quedaron sen facer. O cine abriu as súas portas ao público no ano 1959 e no tempo que se mantivo activo foi todo un acontecemento social e cultural que contribuíu dunha maneira decisiva ao lecer da xente de Mazaricos. D. Antonio, o promotor, era un home cun certo afán emprendedor, el e máis José Otero (o Riolo) montaran unha fábrica de gasosas. Agora nesta nova actividade, ocupouse de que as películas foran todas de recoñecida moralidade, e a onde non chegou mandou recado de que a diferenza do baile, o cine non era pecado para os xoves e vellos que estiveran de loito. ¡O negocio é o negocio! Por aquela sala pasaron grandes superproducións coma “Os dez mandamentos “ ou “Ben-Hur”; películas españolas de notable éxito comercial: “La violetera”, “Un rayo de luz”, “Soy Minero”. Tampouco faltaron as mostras máis populares do cine de vaqueiros ou as comedias, coas de Cantinflas á cabeza. Os filmes deste actor mexicano deberon ser proxectados tantas veces que aínda hoxe son os máis recordados por tódolos espectadores daquelas sesións dobres de sábados de feira, domingos e festivos. O Cine era un novo medio artístico que por fin chegaba a Mazaricos. Para moita xente eran as súas primeiras experiencias coa imaxe en movemento, e non faltaban persoas que se erguían e recuaban cando unha manada de xinetes, unha carreta ou un coche avanzaban a toda velocidade con dirección aos espectadores. Neste sentido, e polas testemuñas das persoas que a viviron, fora memorable a escena da apertura e o feche das augas do Mar Roxo en “Os dez mandamentos”. Un momento que todos lembran entre o asombro e o temor. O asombro polo alarde técnico da separación das augas, e o temor, cando esas mesmas augas, incontroladas e violentas, retornan ao seu ser sepultando aos perseguidores exipcios. Máis dunha persoa non pensou saír viva daquel furioso tsunami que ameazaba con inundar o mesmísimo patio de butacas. Butacas? Non, non eran butacas, eran uns bancos corridos semellantes aos das igrexas e moi afastados de calquera deseño de anatómica comodidade. Mais naquel espazo de friaxes, tamén memorables, tiñan a vantaxe de non impoñer barreiras á fusión dos corpos. As miñas experiencias persoais son máis ben escasas: debín ver tres ou catro películas, non máis. Acórdome da primeira: “El padre Manolo”, unha comedia de Manolo Escobar. Aínda que, con anterioridade, pasando con outros rapaces por diante do cine, deixáronnos entrar un anaquiño ata a porta da sala. Puñan unha de vaqueiros, máis alá da historia que contaba a película, da que só vin un fragmento, a min deixoume absolutamente abraiado a escuridade da sala da que unicamente sobresaía a inmensa pantalla, onde os rostros suados dos actores, como dicía un paisano, eran máis grandes que un cuartillo de ferrado. E sobre todo a cor, con aquelas tonalidades intensamente saturadas que o meu recordo transformou nun instante sorprendentemente marabilloso. Na cabina de proxección habilitouse un espazo para habitación de Manolo, o encargado do pase das películas. Como este lugar debía ser moi frío, co tempo trasladouse a Sanfoga. Era natural de Esteiro e para completar os seus ingresos arranxaba e instalaba aparatos eléctricos. Padecía unha forte doenza do corazón que o levou á tumba arredor do ano 71. A relación de Manolo co cine da Picota tivo dúas parénteses. Alá polo 62 e 63 o establecemento foi xestionado por señor Xeneroso do Xastre, tempo no que o operador era un empregado da Caixa de Aforros. Despois deste intervalo, seguramente non todo o proveitoso que esperaban os interesados, volveu ás mans de D. Antonio Fidalgo, e alí seguiu ata o seu feche no verán de 1973. Ninguén me dou cadra de quen substituíu a Manolo no tempo transcorrido entre a súa morte e o cese da actividade. Non sabemos, por agora, cal foi o primeiro filme proxectado, pero, pola contra, coñecemos o último. O 25 de xuño do mencionado ano 73, segundo día da festa de Mazaricos, o cine abría as súas portas por última vez coa película: “Clint el solitario”, un spaghetti western do 1967 rodado en España e de escaso éxito. A emigración masiva da mocidade aos países europeos e a chegada da televisión, dunha maneira lenta pero sen pausa, restáronlle seareiros a un espectáculo cuns custes elevados, obrigando ao promotor a liquidar a actividade. No apartado gráfico ofrecemos o deseño que tiña a fachada no proxecto. O aspecto do inmoble, xa con mutilacións e transformacións, pouco antes do seu derrubamento para construír o edificio de Tramitacións Nito. O retrato de D. Antonio Fidalgo Lugo, promotor desta actividade empresarial, pero tamén cultural e lúdica, completa este apartado. Teño que manifestar o meu agradecemento a Lola do Creguiño de Sanfoga, Pepe de Romero, Claudio do Habanero, e Antonio e Moncho de Isabel polos datos e suxestións que me deron. Tamén teño que lembrar a Francisco do Verxel da Picota que, entre outras, me cedeu a foto de D. Antonio. Tiña máis cousas para contar pero isto xa excede tódolos límites. Fachada do Cine da Picota-Mazaricos Fachada do Cine da Picota
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios