Martes. 19.03.2024
El tiempo

As Feiras da Picota nos anos 50

As Feiras da Picota nos anos 50

Seguimos percorrendo a historia de Mazaricos, e da Costa da Morte, gracias aos artigos que o bo de Suso Jurjo, técnico municipal de Cultura, vai compartindo nas redes sociais. Un luxo tomar nota da sabedoría dos que levan moitos anos preocupados por recuperar o noso pasado. Hoxe imos de feira, ou de feiras, pola Picota.

A Feira da Picota no ano 1957

Feira da Picota-Maizaricos 1957 Feira da Picota en 1957, da man de José Romero Maneiro

Acabei as vacacións e estou en pleno "estrés postvacacional”. Jajajaja!!!! De calquera xeito teño unha preguiza que non me teño. Así que hoxe unicamente vos deixo unha imaxe da FEIRA da PICOTA do ano 1957. Como podedes apreciar non había asfalto, nin beirarrúas, nin ningún tipo de mobiliario urbano. Terra, algunha que outra pedra, os plátanos con ben menos corpo do que teñen agora e as poucas casas que se foran construíndo nos últimos vinte anos, eran os elementos que definían o campo da feira. Alá no fondo, á esquerda, está a feira das vacas, e acó, máis cerca, con présa porque aínda hai moita vida por facer, as mulleres co sancosmeiro da cabeza e un complemento imprescindible nas feiras e romarías: o cesto de tapas. Polo demais: mirar, buscar, os acordos e trasacordos de toda a vida, comprar e/ou vender, algo ou moito de conversa, uns “chiquitos”, unhas tapas, se cadra un xantar, e pasou o día, pasou a romaría.

As casas que se ven no fondo da foto correspóndense, na actualidade, cos dous edificios da CASA JURJO. A de planta baixa, que está mais á esquerda, era un almacén no que instalaron o bar nos primeiros anos setenta do século pasado. A do centro era a casa propiamente dita, onde estaba a taberna ata o seu traslado ao edificio citado anteriormente. A casa da dereita era tamén do Burro pero tíñanlla alugada á farmacéutica Dª Carmen Raposo e ao seu marido, o médico, D. José Cambeiro. Para os que non o saiban, alí estaba instalada a FARMACIA DE BAIXO, situada agora en fronte da Caixa. Xa sei que cambiou de nome pero para min sempre será a Caixa. Sobre a casa do Burro, como podedes supor polas miñas implicacións familiares, teño moitísimo que dicir, outro día, hoxe non me meto en máis fonduras.

Cando había 3 feiras en Mazaricos

José Romero Maneiro

Os que só coñecemos a FEIRA DA PICOTA no transcurso destes últimos cincuenta anos poderíamos pensar que o número de citas mensuais se mantivo inalterable dende a súa creación. Nada máis lonxe da realidade. A feira ata chegar ao estado en que hoxe a coñecemos experimentou un dobre proceso de progresión e regresión que afectou, aínda que con cronoloxías distintas, á cantidade e calidade deste, noutro tempo, importante encontro socioeconómico.

O 19 de xaneiro de 1934 “Benito Jurjo y otros vecinos de este ayuntamiento” demandaron que o Concello, a súa vez, solicitara do Gobernador Civil da Provincia “la creación de un mercado en las inmediaciones de la parroquia de Mazaricos y de la de Corzón, y en el punto denominado “Picota”, todos los cuartos sábados de cada mes”. De todos os que estiveron metidos no asunto temos que citar a Perfecto Sande Martínez (Braña de Cabanude), Miguel Figueira (Riolo da Picota) e o nomeado Benito Jurjo (Burro do Outeiro). O primeiro por ser o alcalde que xestionou o proceso, e os outros dous porque, ademais de apoiar a creación da feira, escolleron a data máis axeitada e, o que é máis importante, cederon os terreos necesarios a ambos las da estrada para a súa celebración. O Goberno Civil mostrouse receptivo ás demandas do Concello, e o 28 de abril do mesmo ano 34 nacía cunha única convocatoria mensual a feira da Picota.

Unha feira cuns resultados tan positivos que, andando os anos, o Concello de Mazaricos empezou os trámites para ampliar a súa periodicidade. O 30 de abril de 1949 o veterinario municipal Ramón Castaño Rodríguez, a petición do Concello, emite un informe no que daba cadra de que “el régimen de mercados y ferias que vienen celebrándose en este término, no responde a las necesidades del mismo, ya que por haber variado sus centros de confluencia, por los nuevos núcleos y vías de comunicación, dichos mercados se hallan hoy desplazados con el inconveniente de que a ellos no acuden ni los productos ni los compradores”. Refírese o veterinario a posición excéntrica e mal comunicada das feiras da ROMAXE e da CHOUPANA. Recomendando que a feira do gando e outros produtos que “con lánguida y casi nula concurrencia se viene celebrando en el punto que dicen “Virgen del Monte” en la parroquia de Coiro, lugar apartado de toda vía de comunicación y emplazado en despoblado, el último domingo de cada mes, se traslade al lugar de La Picota y se celebre el sábado anterior al segundo domingo de cada mes”.

Con estes antecedentes o 7 de xuño do mesmo ano a Corporación Municipal presidida por José Romero Suárez (Romero da Picota), aproba o traslado coa salvidade de que no santuario da Romaxe se poida seguir facendo feira o último domingo de agosto, festividade da Virxe do Monte. Despois de publicarse nos medios e transcorridos os prazos que marca a lei, efectuouse o desexado cambio sen máis incidencias, e o 10 de setembro do mesmo ano 49 empezaba a súa andadura esta segunda cita transaccional que pomposamente o Concello denominou “O Feirón da Picota” para diferenciala da celebrada no cuarto sábado do mes.

E como non hai dous sen tres, así debeu pensar a Corporación que, case dez anos despois, quixo repetir a operación que tan ben saíra coa feira da Romaxe. Agora tocáballe a da Choupana. Todo comezou o 3 de maio de 1958 cando a Corporación dirixida por Silvestre Pérez Alvite (Cirolán de Suevos), decide cambiar o emprazamento e a data de celebración da feira da Choupana. Deste lugar da parroquia de Colúns pasaría Á Picota, e do luns posterior ao terceiro domingo de cada mes trasladaríase ao sábado anterior do mesmo domingo. Este acordo foi tomado por unanimidade e despois de cumprir os requisitos de publicidade, informar no Goberno Civil da Provincia e transcorridos os prazos que marcaba a lei para as posibles reclamacións, o Concello fixou a celebración deste novo encontro comercial para o 20 de setembro dese mesmo ano. A corporación para animar á xente e que fora á feira decide premiar con tres premios de 100 pesetas cada un aos asistentes que trouxeran o maior número de cabezas de gando para ser feireadas. Os gañadores foron Modesto Arcos González (Gonzalo de Pazos de Graíño) que trouxo 10 reses, José Rey Castelo (Corvo de Vilariño de Beba) que asistiu con 5, e Constantino Ramos Rodríguez (Bicoque, tamén de Pazos de Graíño) con 4 reses.

Despois destes principios tan esperanzados o 22 de setembro e con data do 19, dáselle entrada no rexistro do Concello a un comunicado do Gobernador Civil da Coruña no que fai constar a aprobación do traslado da feira sempre e cando teña lugar na data en que viña celebrándose na Choupana, o luns anterior ao terceiro domingo de cada mes. Os órganos de goberno do Concello non se pronuncian, dan a calada por resposta e seguen adiante cos seus plans cama se cantara un carro. Ante o silencio dos mandatarios mazaricáns o Gobernador Civil remite un novo comunicado o 13 de outubro no que reitera as condicións do anterior e ameaza coa Garda Civil no suposto de que non se atendan as súas ordes. Para contrarrestar estas ameazas o alcalde diríxese ao comandante do posto da Garda Civil de Outes responsabilizándose da celebración “del mercado de productos del campo, pescados, ganados, géneros, calzado,…” que foi aprobado pola Corporación en acordos “debidamente ejecutivos y firmes” en virtude do artigo 361 e seguintes da “Ley de Régimen Local”. Esta acción debeu causar o seu efecto e a feira prevista para o 18 de outubro celebrouse sen maior problema.

Despois desta primeira iniciativa a Corporación decide responder aos requirimentos do Gobernador Civil. O 22 de outubro remítelle un acordo tomado do Pleno do día anterior no que reafirma a legalidade das súas decisións, baseadas nunha serie de artigos da lei de Réxime Local e no feito de que en ningún momento foran “impugnadas ni suspendidas por la Presidencia ni por el Excelentísimo Señor Gobernador Civil dentro de los plazos marcados”. A maiores reitéranlle a necesidade da feira e da imposibilidade de celebrala na data que tiña na Choupana, xa que coincide cun dos mercados de Santa Comba. O 28 de outubro o Gobernador solicita do Concello as distancias que hai dende A Picota a Santa Comba e a Baíñas. Este último núcleo, do Concello de Vimianzo, era o que estaba na raíz do problema debido a que a nova feira da Picota coincidía cunha das de Baíñas. A esta solicitude non se lle dará entrada no Rexistro do Concello ata o día 30. Pero con anterioridade, o día 29, o alcalde remite un oficio ao Gobernador Civil no que reitera os argumentos anteriormente aludidos e a súa intención de non recuar de ningunha maneira das decisións tomadas. Chegando, se fixera falla, ata o Contencioso Administrativo para defender as súas accións. Ante tal eventualidade infórmao de que xa ten solicitado o ditame de dous xuristas, onde ambos manifestan que “no existe precepto legal alguno que limite la competencia del Ayuntamiento para tomar acuerdos como el que, en relación con la dicha feria y cambio de fecha de su celebración, ha tomado el de mi presidencia” Toda unha declaración de guerra.

Naqueles tempos da Ditadura os alcaldes eran nomeados polos Gobernadores Civís, e facíano, entre outras cousas, para que obedeceran as súas ordes caladiñamente. En ningún caso para que se reviraran no xugo e deran problemas, e o Cirolán de Suevos estaba dando problemas. Despois dunha agre discusión, non sei se na Coruña, disque o Cirolán lle veu a dicir algo semellante a: “Ti goberna na Coruña que en Mazaricos goberno eu”. O alcalde foi cesado, aínda que de tal feito non atopei ningún documento que o confirme. Figura por última vez presidindo a Corporación na Comisión Permanente do 31 de outubro, na seguinte do 7 de novembro xa aparece como alcalde en funcións o tenente de alcalde: Manuel González Alvite (Manuel da Irmandade da Picota), que continuará neste estado de interinidade ata o 4 de febreiro de 1959 en que será nomeado para tal cargo José Fernández Montáns (Cabrexo de Beba).

Despois desta contundente demostración de forza, o Gobernador Civil quizais maxinou que todo se ía solucionar sen máis ordes e requirimentos conforme aos seus intereses, e a Corporación suspendería ou trasladaría a feira de data. Non foi así. A feira de novembro celebrouse sen maiores incidencias na data proposta dende un principio polo Concello, o terceiro sábado de cada mes. Cousa que non debeu gustar nada no Goberno Civil, porque máis alá do conflito de intereses que puidera haber coa feira de Baíñas e da forza que sobre tal asunto exercera o Concello de Vimianzo, a situación chegara a un punto onde un organismo absolutamente secundario se atrevía a cuestionar o poder e as decisións do primeiro órgano gobernativo da provincia. Neste sentido e sen mediar outro comunicado entre as dúas institucións, o 20 de decembro, data na que tiña que celebrarse a feira no último mes do ano, presentouse na Picota a Garda Civil de Outes e suspendeu a feira en “virtud de órdenes emanadas del Excelentísimo Señor Gobernador de la provincia”.

Temos que recoñecer que a pesar da intrasixencia dos tempos e da destitución exemplarizante do Cirolán, o resto da Corporación non se deixou intimidar e proseguiu polo camiño marcado polo anterior alcalde. Despois da devandita suspensión, celebrouse un pleno o día 31 de decembro no que se decide solicitar o ditame dun avogado que confirme ou non as teses defendidas polo Concello. O día catro de xaneiro recíbese do letrado de Santa Comba Celestino Novo Lema o esperado informe no que despois de facer un resumo dos antecedentes do caso e de aludir a unha serie de artigos e ordenamentos legais que agora sería moi longo tratar, deixaba ben claro que os Concellos tiñan todas as competencias sobre feiras e mercados, sen que teñan que depender en ningún momento nin do Gobernador Civil nin dos intereses de feiras limítrofes, sempre e cando a distancia entre elas fora igual ou superior a 15 km, como ocorría no caso que tratamos.

Neses días ten entrada tamén no Rexistro do Concello un acordo da “Hermandad de Labradores” de Mazaricos, presidida polo propio alcalde en funcións, no que se reitera o detalle dos 15 km e se solicita que o Goberno Local use todos os medios ao seu alcance para defender os seus intereses. Ao día seguinte, 5 de xaneiro, hai un novo pleno onde a Corporación decide “facultar, autorizar y designar” ao alcalde para que o Gobernador Civil “dicte resolución declarando no haber lugar a la suspensión de la feria” e se así non fora, invísteo dos poderes que fagan falla para elevar un Recurso de Alzada ante o Ministerio da Gobernación ou recorrer ao Contencioso Administrativo.

Toda esta documentación que apoia as teses do Concello, conxuntamente cun escrito do alcalde no que reitera os argumentos do ente mazaricán, é enviada ao Gobernador Civil para que dite unha resolución que anule a suspensión da feira.

Ante a contundente firmeza do Concello e a súa disposición a recorrer a onde faga falla, o Gobernador debeu ver as cousas mal paradas e con data do 20 de xaneiro de 1959 remítelle u oficio ao alcalde interino no que autoriza o traslado da feira sen ningunha limitación.

Esta vitoria confirmouse en pouco tempo que fora de escasa rendibilidade. Os mandatarios mazaricáns tíñanlle medo á competencia da feira de Santa Comba se mantiñan a da Picota na data en que se celebraba a da Choupana. Pero a competencia da feira de Baíñas tamén se deixou sentir, e se sumamos a esta incidencia o feito de que o radio de influenza da nosa feira non era nin é excesivamente amplo, e para o potencial número de feirantes, en contra do que pensaban os edís, chegábanlle as dúas feiras que xa había. Esta terceira cita mensual sobreviviu arredor de dous anos e despois desapareceu sen facer barullo, a diferenza do ocorrido nos seus inicios que estiveron cargados de expectativas e controversias de todo tipo.

Ilustramos estas entradas con dúas fotos, non de moi boa calidade, dunha feira da Picota do ano 1957 cedida por José Romero Maneiro (Pepe de Romero da Picota), ao que tamén lle temos que agradecer algunhas informacións que utilizamos para este artigo.

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
  •  

    Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

    Comentarios