Luns. 20.05.2024
El tiempo

Unha Semana moi literaria para os pequenos de Dumbría

Unha Semana moi literaria para os pequenos de Dumbría
Paula Carballeira no CEIP Santa Eulalia

Xa pasabamos o luns polo CEIP Santa Eulalia, da man de Rivadulla Corcón, que por certo vén de gañar o seu cuarto Premio Frei Martín Sarmiento de literatura infantil. Pero hoxe temos que voltar para repasar todo o acontecido durante a fantástica Semana do Libro no centro dumbriés.

Foi Dani Mato, mestre de Educación Física, o armandanzas desta iniciativa, que xa leva 4 anos funcionando. A proposta pretende achegar aos nenos á lectura, facerlla atractiva, e que mellor que a través de escritores e poetas da zona. Este ano foron 6 os autores que pasaron a compartir un par de horas cos pequenos dende infantil ata 6º. E a verdade é que o pasaron en grande!

As visitas serviron ademais para que os autores foran os que entregasen os premios aos escollidos no certame de contos de cada curso.

Tras Corcón, foi Paula Carballeira o que fixo tremer aos máis pequenos, aos de Educación Infantil. Vaia luxo contar con esta gran contadora, unha das grandes personalidades do país. Ademais de levalos de viaxe a través dun conto, Paula entregou os premios aos galardoados de infantil, Nicolás Lema Pereira (Educación Infantil, 3 anos), Carla Arias Quintáns (Educación Infantil, 5 anos), Íker Priegue Quintela (Educación Infantil, 4 anos) e Xurxo Caamaño Vázquez (2º curso)

Paula Carballeira entregando os premios a Nicolas Carla Iker e Xurxo Maria Lado con Marcos Vieites

María Lado convertiuse na Carapuchiña Vermella para repasar o conto e despois inventar cos pequenos de 4º curso de primeira unhas novas e rompedoras versións. O gañador, neste caso, foi Marcos Vieites Alvite, de 4º curso, e aquí os vemos aos dous con cadanseus regalos, pois os pequenos non deixaron a un mestre se o seu.

Xurxo Souto sacou o acordeon cos de 6 do CEIP Santa Eulalia de Dumbria

Espectacular foi a visita de Xurxo Souto, segundo a define o propio Dani Mato. O coñecido escritor e músico coruñés fixo unha sesións tremendamente dinámica, con tempo para os contos, pero tamén para as regueifas e todo tipo de cansións. Como podemos ver, mesmo deleitou aos pequenos co seu instrumento fetiche, o acordeón. E os nenos, e o propio Mato… quedaron encantados co luxo musical.
O bravú de Xurxo entregoulle o premio ao gañador do certame de contos de 6º, que non foi outro que Braian Lado García.

Xurxo Souto entregalle o premio de 6 a Braian Lado Garcia Dinamica de grupo de Suso Bahamonde no CEIP Santa Eulalia de Dumbria

E o venres tiveron cita doble, os de de 2º ciclo con Suso Bahamonde, e os de 1º curso con Rocío Leira, que ademais vén de presentar o seu primeiro libro infantil.
Suso partíu un poema en varios versos, para despois facer un novo, combinando, entre todos, un novo poema; é dicir, dun poema, sacaron outro novo. O premiado neste caso foi Eloy Fernández Santabaya, de 3º curso.

Suso Bahamonde con Eloy Fernandez Santabaya

E tocoulle a Rocío Leira poñer o broche cos pequechos de 1º. Unha sesión que comezaba con cada un dos nenos escolleu unha palabra, como mar, vento... A partir de aí, fixeron uns versos falando da palabra que lles tocara. Para realizar esta tarefa axudoulles tamén a titora, e logo fixeron un acróstico, é un poema no que as letras iniciais, medias ou finais de cada verso, lidas en sentido vertical, forman un vocábulo ou expresión. A ceense entregoulle o premio ao mellor conto da súa clase á pequena Claudia Díaz Eirín.

Rocio Leira entregalle o premio a Claudia Diaz Eirin

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios